O Concello de Arbo, co seu alcalde, Horacio Gil, á cabeza, ‘tomará’ este venres, día 21, o Mercado de Teis para presentar, dende as 12.00h a “LVII Festa da Lamprea”, que terá lugar o último fin de semana de abril, do día 28 ao 30, por primeira vez como Festa de Interese Turístico Nacional.
O Concello de Arbo, ofrecerá aos visitantes, para a súa degustación, varios pratos elaborados con este prehistórico peixe, ao estilo de Arbo, rechea e en empanada, e unha selección dos mellores viños da D.O. Rías Baixas.
O afamado restaurante arbense “Casa Barcia”, será o encargado do ágape, respectando o xeito tradicional de preparación deste manxar, homenaxe a pescadores e veciños, que o levan cociñando ao longo dos anos e transmitindo os seus segredos de pais a fillos para mantelos vivos.