O concelleiro de Fomento e segundo tenente de alcalde participou este martes na xuntanza da Comisión de Seguimento da Cidade da Xustia e valorou esta xornada como un “día importante” para Vigo xa que pode iniciarse o desenvolvemento da Cidade da Xustiza, un proxecto que conta co “apoio total e inequívoco” do Concello, que “fixo os deberes e traballou arreo para cumprir os prazos de concesión” das licenzas necesarias para o derrubamento de distintos espazos do inmoble.
David Regades explicou que o Goberno local entregoulle hoxe unha copia da licenza de demolición ao equipo técnico “para que poidan empezar os traballos en canto estean contratados” e insistiu no vontade de “cooperación total” coa Cidade da Xustiza e cos proxectos futuros que se desenvolvan para darlle utilidade aos edificios da rúa Lalín.
O segundo tenente de alcalde apuntou que na Comisión celebrada esta mañá o vicepresidente do Goberno de Galicia anunciou que pediría colaboración para “intentar ir todos da man con ese novo proxecto” que contará, engadiu Regades, coa colaboración municipal.
Ademais apuntou que na xuntanza se puxeron sobre a mesa dúas demandas para a nova sede xudicial: unha sala de autopsias e unha gardería, que non están incluídas no desenrolo desta obra, e que o Concello apoiará “sempre que encaixen no proxecto presentado polo arquitecto Alfonso Penela.
Pola súa banda, o vicepresidente Rueda avanzou que no proxecto de rehabilitación do antigo Hospital Xeral como futura sede da Cidade da Xustiza serán incorporadas, concretamente máis do 81% das alegacións feitas ao proxecto por parte dos organismos que non forman parte da Xunta de Galicia”.
Para axilizar a posta en marcha do edificio, o Goberno de Galicia, unha vez recibida no día de onte, a licenza por parte do Concello de Vigo, procederase a adxudicar a primeira fase da obra cun orzamento de 3,2 millóns de euros, que consiste na demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que serán retiradas, para que as obras dean comezo de inmediato na segunda quincena de maio, cun prazo de execución de 5 meses. A continuación darase comezo coa segunda fase de rehabilitación que ten un prazo de 24 meses, sempre co obxectivo principal de que o edifico sexa unha realidade antes de rematar 2019, cun investimento global que roldará os 25 millóns de euros.
A nova Cidade da Xustiza concentrará nun mesmo edificio todas as dotacións xudiciais da cidade, gañando máis de 20.000 metros cadrados novos de espazo e situando no inmoble 35 unidades xudiciais, con espazo libre para futuras ampliacións