Vigo al minuto

O Concello modifica a ordenanza para habilitar praias aptas para cans no verán

O Goberno local levou este mércores ao Pleno da Corporación a aprobación inicial da modificación da Ordenanza, que saíu adiante co apoio dos grupos do PSOE e Marea e a abstención do PP. Ábrese agora un prazo dun mes de exposición pública para presentar alegacións, que serán resoltas antes de volver a Pleno para a aprobación definitiva.

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, explicou que o Concello conta con 5.000 sinaturas que respaldan a iniciativa municipal de designar praias ás que poidan acceder os cans tamén nos meses de verán, de xuño a setembro, ambos incluídos, datas nas que actualmente está prohibido.

Unha vez o cambio da normativa estea en vigor, o Goberno local asignará os areais aptos para cans no verán, que terán que ser ratificados por outras administracións. Lago indicou que Costas establece requisitos a cumprir, como a non existencia de marisqueo no entorno da praia ou a posibilidade de empregar maquinaria para a súa limpeza.

O Partido Popular abstívose na votación e anunciou a presentación de emendas ao texto. O PP estima “necesaria” a actualización da norma por “insuficiente” e solicitou acompañala de campañas de concienciación.

Os populares propuxeron melloras na regulación, na identificación dos animais e na eliminación do sacrificio como opción, e puxo en dúbida que a modificación da ordenanza estea lista para este verán.

You may also like