Vigo al minuto

@CIGVigo presenta conflito contra o prezo das horas extras en Vitrasa por ser inferior ao das ordinarias

A sección sindical da CIG en Vitrasa vén de presentar denuncia por conflito colectivo contra o prezo das horas extra recollido no novo convenio, ao entender que é ilegal xa que se pagan por debaixo das ordinarias.

Ao mesmo tempo, a central puxo en coñecemento da Inspección de Traballo a “crecente precarización na política de contratación da empresa”, que considera fraudulenta xa que “se utilizan distintos traballadores eventuais para cubrir os mesmos postos co obxectivo de evitar o período de tempo necesario para convertelos en fixos e que xeneren antigüidade”.

A sección sindical da CIG na compañía viguesa de transportes decidiu presentar o conflito colectivo ao entender que o convenio asinado pola maioría do comité (CCOO, USO e UGT), de seis anos de duración, é ilegal no referente ao prezo das horas extras, xa que as retribucións por este concepto pactadas son moi inferiores ás das horas ordinarias, incumprindo o artigo 35.1 do Estatuto dos Traballadores, que establece que teñen que ser alomenos ao mesmo prezo. “O abuso é maiúsculo se temos en conta que o convenio nos obriga en calquera suposto a realizar as horas que marque o servizo asignado”, indican.

Esta circunstancia, subliña o sindicato, “provoca que, coa finalidade de aforrar custos, o número de horas extras sexa desmesurado, penalizando así a contratación”. A situación prodúcese a pesar de que esta irregularidade foi posta en coñecemento da Xunta por parte da CIG antes de rexistrar o convenio, “mais incomprensibelmente procederon a inscribilo sen modificar”.

“Solicitamos unha actuación contundente da autoridade laboral, xa que a pasividade e inacción habituais ante as denuncias que presentamos contra a concesionaria impídenos defender os dereitos laborais dos nosos compañeiros”.

Neste senso, sosteñen que a deixadez é tal que as últimas denuncias presentadas en Inspección de Traballo foron contestadas “de maneira vaga e ambigua”, evitando intervir para solucionar os problemas expostos.

Te podría interesar