Vigo al minuto

@depo_es realiza a semana próxima as probas prácticas para 36 aspirantes a funcionarios interinos

Un total de 36 aspirantes pasarán a realizar a próxima semana as probas prácticas para converterse en funcionario interino do Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación de Pontevedra.

Na mañá deste mércores realizouse a proba tipo test para os candidatos a técnicos de xestión de lixo e pola tarde será a quenda do test para os mestres e mestras composteiros. A intención do tribunal cualificador é que, para as seis prazas do grupo A2 pasen o corte 12 aspirantes, e para as 12 prazas do grupo C1 pasen 24.

As notas publicaranse este xoves e abrirase o prazo de alegacións, que dará paso á realización dos supostos prácticos a mediados de mes. 

A intención é que os novos funcionarios interinos do Plan Revitaliza estean xa operativos nos diferentes centros de traballo no mes de xuño. Estes traballadores estarán en activo ‘por programa’, isto é, durante o tempo que estea operativo o plan provincial de compostaxe do actual goberno provincial. En calquera caso, o contrato non poderá ter unha duración superior a tres anos, ampliable ata doce meses máis polas leis de Función Pública.

A decisión de limitar o tempo de vinculación á Deputación de Pontevedra débese, segundo explica o vicepresidente Mosquera, a que se pretende non cargar de persoal alleo á institución de xeito permanente e indefinido.

Para conseguir as prazas, os 164 candidatos tiveron que pasar un exame tipo test no día de hoxe con 90 preguntas a respostar en 90 minutos para os aspirantes a técnicos de xestión de lixo, e de 60 preguntas a respostar en 60 minutos no caso dos aspirantes a mestras e mestres composteiros.

As mestras e mestres composteiros da Deputación terán cualificación C1, darán soporte técnico e participarán activamente nos traballos físicos no proceso da compostaxe comunitaria, resolvendo as dúbidas e os problemas que poidan xurdir durante todas as fases do proceso, da supervisión dos composteiros individuais e tamén control e supervisión do funcionamento das plantas de tipo industrial que se poidan instalar no futuro.

As técnicas e técnicos de xestión de residuos municipais e tratamento de biorresiduos (seis prazas de categoría A2) terán múltiples funcións, desde traballos prácticos de campo ata a elaboración de plans de residuos completos para concellos ou mancomunidades, así como labores de coordinación, impulso e xestión de ámbitos complexos dentro do Plan Revitaliza.

As persoas interesadas en obter máis información sobre o proceso selectivo poden facelo premendo aquí.

 

You may also like