A presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer este xoves os resultados de ocupación hoteleira rexistrados na provincia de Pontevedra durante a pasada ponte do primeiro de maio.
Carmela Silva informou que a ocupación media provincial nos establecementos hoteleiros foi do 77,15%, dous puntos por riba das estimacións realizadas por Turismo Rías Baixas, e do 56% nos establecementos de turismo rural, 6 puntos máis que o previsto pola institución.
Silva asegurou que “estamos a falar dunha das mellores pontes de maio dos últimos anos, uns excelentes resultados que superan ata en 15 puntos os rexistrados na mesma ponte do 2016” e amosou a súa satisfacción por “seguir a ser un destino que medra”.
A ocupación hoteleira foi do 77,15%, porcentaxe que se superou nas comarcas de Pontevedra, Vigo, O Morrazo, Caldas e no Deza e en Tabeirós-Terra de Montes. Pontevedra superou o 90% de ocupación hoteleira, Vigo o 85%, ao igual que o Deza e Tabeirós-Terra de Montes que rozaron esa porcentaxe, O Morrazo o 83% e Caldas o 80%. Pola súa banda, a comarca do Baixo Miño chegou ao 71% de ocupación, O Salnés ao 70% e as comarcas do Condado e A Paradanta superaron o 53%.
No caso dos establecementos de turismo rural, a presidenta da Deputación manifestou a súa satisfacción por acadar unha ocupación do 56% na provincia, seis puntos máis que o previsto por Turismo Rías Baixas. Esta porcentaxe se superou en comarcas como O Morrazo, O Condado e A Paradanta, O Baixo Miño e Pontevedra. Así, O Morrazo superou o 92 % da ocupación nos establecementos rurais, O Condado e A Paradanta o 86%, O Baixo Miño o 73% e Pontevedra o 61%. Pola súa banda, a comarca de Caldas acadou o 56% e O Salnés o 41%.