A conselleira de Infraestruturas e Vivenda visitou este venres o Casco Vello de Vigo, no que o, sinalou,o Goberno de Galicia suma a rehabilitación de 6 novas vivendas e 2 locais comerciais máis na rúa Ferrería, cun investimento total de 940.000€, agardando que poidan entrar a residir as novas familias adxudicatarias nos meses de verán.
Ethel Vázquez supervisou, en primeiro lugar, o inmoble na rúa Ferrería 45-47, que supuxo a recuperación de 2 edificios para conseguir 4 novas vivendas e 1 local comercial nun mesmo edificio unitario, cun investimento de 670.000€.
A titular de Vivenda explicou que as obras están a piques de rematar –soamente quedan por executar os acabados e a carpintería interior- pero as vivendas xa foron sorteadas e, en cuestión duns meses –teñen 45 días para formalización das hipotecas e sinatura das escrituras-en verán, xa se poderán entregar as chaves aos seus novos adxudicatarios.
Trátase de vivendas de 1, 2 e 3 dormitorios ademais de contar cun baixo comercial: 2 pisos de 1 habitación, 1 vivenda de 2 habitacións e 1 dúplex de 3 dormitorios. Nestes inmobles protexeuse o patrimonio, as lareiras de acordo coa normativa, ademais de executar un xardín posterior para conseguir maior luminosidade.
Esta non é a única actuación da Xunta na rúa Ferrería, posto que a conselleira tamén se trasladou ata os números 10-12 para ver o remate final doutras 2 vivendas, que tamén xa foron sorteadas e, como o caso anterior, serán entregadas aos seus adxudicatarios nos meses de verán. Neste caso, e cun investimento de 270.000€, trátase da reestruturación de 2 inmobles para conseguir 2 novas vivendas dun dormitorio cada unha e 1 local comercial de 38m2 nun mesmo e unitario edificio, ademais de contar tamén cun patio exterior para a entrada de luz natural.
Ethel Vázquez lembrou que dende que se creou o Consorcio do Casco Vello de Vigo-integrado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- no ano 2005, xa se recuperaron preto de 100 vivendas e 30 locais comerciais onde xa residen máis de 150 persoas.