Máis dun centenar de mulleres do sector vitivinícola da provincia participaron este sábado na xornada “A experiencia das mulleres no mundo do viño”, que a Escola de Igualdade “María Vinyals”, da Deputación de Pontevedra, organizou en Cambados con motivo da elección desta vila como Cidade Europea do Viño en 2017.
A xornada, a primeira que se celebrou fora de sede da Escola no Castelo de Soutomaior,contou coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e a deputada provincial. Digna Rivas, e reuniu a profesionais do sector do viño, enólogas, adegueiras e produtoras.
Na súa intervención, Carmela Silva, puxo en valor o importante papel que na historia xogou a muller no sector primario. “Diso tratamos nesta xornada, dixo a presidenta, para que toda a sociedade visibilice o moito que as mulleres aportaron. Se Galicia é hoxe unha potencia en sectores produtivos agrogandeiros, iso ten moito que ver co traballo daquelas mulleres tan emprendedoras e tan comprometidas que fixeron que a nosa terra tivera futuro aínda que ninguén coñecese os seus nomes e os seus rostros. Por iso estamos aquí, para visibilizalas e empoderalas”
Silva incidiu no enorme salto cualitativo que as mulleres deron no sector vitivinícola. “Ata non fai moito tempo as mulleres traballaban, non eran enólogas, adegueiras o comercializadoras. Agora ocupan cargos, teñen unha gran presenza, son referencia, es as distinguen con importantes premios. Iso que sabe hoxe todo o sector debe ser coñecido por toda a poboación”.
A presidenta provincial lembrou que coas aportacións e o traballo das mulleres xenérase crecemento, emprego e ponse en valor moito talento. “Cando as mulleres lideramos ninguén nos para, e no mundo rural iso xa é unha realidade. Sodes o mellor que temos na provincia”, rematou Carmela Silva, que tamén agradeceu a presenza de moitos homes na xornada. “Temos que traballar xuntos para que xuntos tiñamos a mesma posición e oportunidades para construír un mundo mellor. Sen todos e todas sería imposible facelo”
O evento, que se celebrou no auditorio de Cambados, contou con tres mesas redondas e con mulleres do mundo vitivinícola de todo o Estado.