Comarcas

Vía libre para a mellora da seguranza viaria na EP-2503, entre Cerquido e Borraliño, no concello de Salceda

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este mércores que a Deputación provincial resolverá este venres no Pleno ordinario as alegacións presentadas ás expropiacións do proxecto de mellora da seguranza viaria na EP-2503 entre Cerquido e Borraliño no concello de Salceda de Caselas. 

A Corporación aprobará definitivamente o proxecto, que ten un orzamento de 115.745€, e pasará o expediente ao departamento de contratación, polo que o inicio das obras poderán ser unha realidade nas vindeiras semanas.

Segundo manifestou Benítez, a Deputación está a priorizar as actuacións relativas á seguranza viaria, dándolle «prioridade absoluta» á mellora e reforma de zonas de alta sinistralidade. «Temos identificados puntos perigosos en toda a provincia aos que estamos dando solución. No caso de Salceda de Caselas a demanda de acondicionamento deste cruce é histórica, polo que atendemos a solicitude do alcalde», sinalou.

Para resolver a intersección dos camiños municipais, segundo explicou o deputado, prevese a ocupación de nove parcelas privadas que permitirán crear unha nova área pavimentada para delimitar novos carrís de incorporación e agarda. Para isto foi preciso iniciar un expediente de expropiación forzosa, que sometido a información pública recibiu unha alegación por parte dunha das propietarias das parcelas afectadas.

Esta alegación estimouse en parte (valorando tamén na expropiación 15 piñeiros, 16 eucaliptos e 6 carballos), mais desestimouse a expropiación total da parcela, cunha superficie de 637 metros, xa que só son precisos 357,45 metros cadrados.

No proxecto, a maiores da ampliación da plataforma, corrixiranse os peraltes. Ademais, para a elección do novo firme tívose en conta a importante densidade de camións que pasa pola zona, cun tránsito estimado de entre 100 e 199 vehículos pesados por día por ser unha zona preto de áreas industriais como o polígono industrial de O Cerquido.

Así mesmo, implantaranse dous elementos redutores de velocidade en forma de pasos de peóns sobreelevados en ámbolos extremos de actuación, limitando a velocidade a 30 quilómetros hora.  Tamén se remodelará o alumeado, potenciándoo na zona de cruce con sete novas luminarias tipo led e retirando as catro actuais. Finalmente, será preciso recuar un poste de formigón de telefonía e instalarase nova sinalización vertical e horizontal adecuada á nova configuración prevista no proxecto.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.