A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de asinar co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas Giráldez, a concesión dun préstamo sen xuros de 400.000 € cos que a vila fará fronte ao financiamento da rede de distribución térmica -350.000€- e a compra dunha deshumectadora para a piscina -50.000€-. Esta concesión facilítalle ao concello unha fonte de financiamento ao menor custe posible sen ningún tipo de xuros, comisións ou gastos doutro tipo.
En concreto, o Concello de Ponteareas recibirá 400.000 €, préstamo que a vila amortizará en quince anos a razón de 26.666,67€ anuais. “Con estas axudas a Deputación de Pontevedra permite que os concellos beneficiarios, os de menos de 50.000 habitantes, poidan afrontar a execución de distintos investimentos grazas a unha partida que no seu total ascende a 1.140.396,46 €”.
Dende a Deputación indican que “mentres que o anterior goberno concedía os préstamos e anticipos con intereses situados no 2%, o actual goberno decidiu suprimir os xuros co fin de contribuír a facilitar e mellorar a situación que están a vivir os concellos da provincia”. Así mesmo, este ano adiantáronse as achegas a comezos de ano -as bases aprobáronse o 27 de xaneiro- ao considerar que se trata dun instrumento máis da planificación de políticas públicas.
En total, xunto con Ponteareas, seis concellos máis foron os destinatarios das concesións neste 2017. Deste xeito Catoira recibiu 400.000 € para o financiamento dunha operación de tesourería, Fornelos de Montes 49.500 € para financiar o equipamento e adaptación de oficinas e impulsar a accesibilidade na praza, Arbo 30.047,76 € para o financiamento da merca dun solar en Chan para a construción da residencia de Terceira Idade, Poio 136.321,55 € para o financiamento da mellora dos servizos e urbanización da rúa Benigno Esperón e o concello de A Lama 124.527,15€ para a compra dun camión de recollida de lixo.