O ‘Tren do Peregrino’, cuxos billetes xa están á venda, volverá percorrer Galicia este verán, por terceiro ano consecutivo, permitindo que aqueles viaxeiros que o desexen poidan percorrer a pé ou en bicicleta as últimas etapas do Camiño Portugués.
Este percorrido partirá de Madrid con destino a Compostela e terá catro saídas, os días 3, 10, 17 e 24 de agosto.
Cada viaxe durará catro días e cinco noites e os viaxeiros que realicen o camiño atravesarán as poboacións de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Arcade, San Amaro, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Rei, Valga, Padrón ou Teo que pertencen ao Camiño Portugués que, por primeira vez se incorpora ao percorrido do Tren Peregrino.
Con excursións e visitas culturais
Este ano ademais das novidades no itinerario, aqueles que o desexen poderán recorrer as etapas cuxa lonxitude sumada permita obter a Compostela ao final da viaxe. Para acadala, os peregrinos deben acreditar ter realizado polo menos 100 quilómetros a pé, o que se pode lograr nas tres etapas que inclúe o programa do Tren do Peregrino.
Dende a estación na que o tren se detén ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os viaxeiros serán trasladados nun autobús que os acompañará no seu traxecto para os desprazamentos que sexan necesarios. Ademais, esta nova opción de vivir a experiencia que supón o Camiño de Santiago, inclúe unha selección de excursións, actividades e visitas culturais completan a viaxe no tren-hotel.
Trens turísticos de Galicia
O Tren do Peregrino forma parte do programa ‘Galicia a todo Tren’, o proxecto que permite coñecer a Galicia en tren e que dende o mes de xuño está a ter unha moi boa acollida entre os viaxeiros. A edición deste ano inclúe 11 itinerarios, que abranguen as rutas Ourense termal e de compras, a ruta Descubrindo A Coruña, a ruta dos Pazos e Xardíns históricos, a Ruta da lamprea, a Ruta Lugo Romano, a Ruta dos Faros e as rutas das cinco denominacións de orixe.
En total, a edición deste ano conta con 56 saídas regulares que se desenvolverán ata o 28 de outubro. Pódese consultar o calendario dos trens turísticos na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se poderá reservar o billete. Todo, cunha ampla oferta para recorrer as catro provincias galegas en rutas dun día na que se inclúen desprazamentos en autobús e visitas guiadas.