Galicia

Xornada de mobilizacións no siderometal galego para reclamar “convenios colectivos provinciais dignos”

O sector do siderometal galego continúa en pé de guerra para reclamar uns convenios provinciais dignos. Á nova xornada de folga celebrada no provincia da Coruña, que volveu ter un seguimento masivo tal e como evidenciaron as multitudinarias manifestacións, sumáronse hoxe mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía.

No caso da comarca da Coruña, a nova xornada de paro afectou novamente á grande empresa de maquinaria pesada, talleres e reparación. As poucas compañías que tiveron actividade pecharon as súas portas ao paso da manifestación, que volveu percorrer a distancia entre a Confederación de Empresarios e a Delegación do Goberno. “A folga estase a consolidar”, resume Eduardo Caamaño, secretario comarcal da CIG-Industria de Coruña. Ademais, as centrais aproveitaron a xornada para presentar oficialmente a convocatoria de tres novos días de folga para os días 13, 20 e 27 de xullo.

En Ferrol, tanto a participación dos piquetes como a da manifestación foi moi elevada, xa que máis de 3.000 persoas percorreron a pé o camiño entre a Praza de España e o polígono da Gándara, para regresar novamente ao punto de partida. “Houbo moito máis persoal das compañías auxiliares de Navantia que en días anteriores”, comenta o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal. Na marcha tamén tomou parte unha nutrida representación de traballadores do sector de viaxeiros por estrada, que hoxe secundaron tamén masivamente unha nova xornada de folga.

Seguimento en Compostela

No caso de Compostela o seguimento foi xeneralizado e a actividade dos piquetes limitouse a pasear polo polígono do Tambre, para confirmar que todas as empresas estaban pechadas. O secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, valora moi positivamente a incidencia do paro, porque o número de traballadores do sector que se suman aos piquetes e mobilizacións vai en aumento.

Ademais, salienta que ao listado de empresas nas que a folga foi total nos paros anteriores hai que engadir agora a Macoga, de Ordes que pechou todo o día e mesmo a Cortizo, que tivo que pechar liñas de produción por falta de persoal. Un exemplo, asegura Blanco, “de que nin coas ameazas os empresarios están conseguindo rebentar a folga”. Con todo, denuncia que houbo unha mínima actividade nalgunha empresa, precisamente por esas presións e ameazas, como foi o caso de Automóviles Louzao, concesionaria da Mercedes, que “nin sequera foi quen de traballar con normalidade porque a pesar diso faltaba a maioría do persoal”.

Tal e como estaba previsto, contra o mediodía os traballadores do sector sumáronse ao piquete para saír en manifestación desde o polígono do Tambre até a Confederación de Empresarios, onde remataron cunha concentración.

Protestas en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía

Coincidindo coa xornada de folga na provincia da Coruña, desenvolvéronse mobilizacións en Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía para reclamar uns convenios provinciais dignos. No caso de Vigo arredor de 200 delegados do sector concentráronse diante de ATRA e Instalectra, patronais dos talleres de reparación de automóbiles.

A mobilización de Pontevedra, á que tamén se sumaron un bo número de empregados do sector de viaxeiros por estrada, tivo lugar diante da Cámara de Comercio e impediu o tránsito rodado pola rúa Reina Victoria. No caso de Ourense o lugar escollido para a protesta foi o concesionario da marca Renault situado en Quintela de Canedo, cuxo propietario participa nas negociacións do convenio. En Vilagarcía desenvolveuse unha concentración diante da Federación de Empresarios da Comarca de Arousa (Feca).

También te puede interesar