O presidente do Goberno de Galicia reafirmou este luns en Vigo a “aposta” do seu executivo pola recuperación da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), situada en Teis, para acoller un Campus do Mar que conseguirá que “Vigo e Galicia lideren a investigación mariña”, destacou.
Alberto Núñez Feijóo declarou isto na sinatura dos dous convenios coa Universidade de Vigo para a rehabilitación do emblemático edificio Faraday da ETEA, que acollerá a sede institucional do Campus do Mar.
O primeiro convenio establece que o Goberno galego financie con 250.000€ os estudos previos necesarios para a recuperación deste edificio -proxecto sectorial, estudo xeotécnico, análise estrutural, levantamento de planimetría e redacción dos proxectos básico e de execución-, mentres que a Universidade se encargará de contratalos.
O segundo convenio destinará 3 millóns de euros a sufragar o equipamento do Faraday, de acordo coas liñas mestras marcadas no proxecto técnico que se contratará en virtude do primeiro convenio. A isto sumaranse outros 2 millóns, procedentes de fondos europeos, para levar a cabo distintos proxectos na ETEA.
Feijóo avanzou tamén que en datas próximas se asinará o convenio coa Zona Franca de Vigo, que dispón do visto e prace tanto do pleno deste organismo como do Consello da Xunta. Este acordo desbloqueará a situación de dúas das parcelas da ETEA, a 3A e a 3B. Ambas volverán ser propiedade da Zona Franca, mentres que a Xunta aprobará os proxectos sectoriais necesarios, urbanizará as parcelas e se encargará de que dispoñan dos servizos necesarios.
Así mesmo, o presidente do Goberno galego confirmou que Vigo está xa “na recta final para conseguir que se instale na ETEA tamén o Centro Superior de Investigaciones Científicas”. Deste xeito consolídase a transformación da ETEA nun campus ao estilo das universidades de referencia a nivel mundial, onde se mesture a actividade universitaria coas actividades recreativas, ao que xa se dedica unha parcela que a Xunta rehabilitou e puxo en 2013 á disposición dos veciños de Vigo.