Imágenes:vigoalminuto/“Cambio, cambio e cambio”. Con estas tres palabras definiu Carmela Silva, este venres, os dous anos de xestión da coalición PSOE-BNG, á fronte da Deputación de Pontevedra. A presidenta, que deu as grazas a todos os integrantes do goberno provincial, “e moi especialmente ao vicepresidente, César Mosquera”, salientou que a acción desenvolvida dende 2015 baséase na “cooperación cos concellos, defendendo o municipalismo e na garantía dos dereitos de todas as persoas”.
Carmela Silva subliñou que fronte ao “presidencialismo do anterior Goberno” pasouse a unha a unha dirección conxunta; dun modelo anterior “escurantista, irregular, partidista e pouco equitativo”, a unha “xestión baseada na transparencia, participación, a escoita activa ao conxunto da sociedade, que ven de derrubar os privilexios e respectar a autonomía dos concellos”.
A presidenta engadiu que os proxectos iniciados nestes dous anos buscaron, sempre “o benestar da provincia e non dun partido”, e que a acción neste tempo baseouse en criterios obxectivos “en contra do criterio clientelar do anterior goberno”.
Silva,quen amosouse “moi orgullosa” de estar á fronte do organismo provincial, insistiu en que o obxectivo é “construír unha provincia dinámica e sostible para as persoas mantendo a nosa cultura e autenticidade”.
A responsable da Deputación asegurou que os dous partidos, PSOE e BNG, con ideas distintas “somos quen de gobernar sen fisuras”, coa idea de “transformar, día a día, esta institución nun espazo de servizo á provincia e á cidadanía”.