O Concello de Nigrán abre finalmente ata o 18 de agosto o prazo para solicitar axudas á adquisición de libros de texto ou material escolar no curso 2017/18 -publicado no Boletín Oficial da Provincia número 133 do 12 de xullo-.
Coma en anos anteriores, a contía máxima é de 65€ por cada neno e mantense o requisito indispensable de que os beneficiarios sexan unidades familiares empadroadas no municipio e con fillos matriculados en centros públicos de Nigrán en Educación Infantil no curso 2017-2018.
Como principal novidade, e co obxectivo de chegar ao maior número de familias, increméntanse os ingresos mínimos para poder acceder ás axudas, puntúa o feito de ter discapacidade ou ser familia numerosa, regúlanse os casos de parellas separadas ou divorciadas e a axuda comprende tamén o gasto en material escolar -anteriormente eran só libros-.
Os solicitantes deben achegar toda a documentación -libro de familia, DNI dos pais, IRPF do 2016, recibo de aluguer ou hipoteca- ao Departamento de Benestar Social do Concello de Nigrán -cita previa no 986365000-.
“Cando chegamos ao goberno incrementamos nun 100% a partida orzamentaria destinada a este fin .de 2.500 a 5.000€- agora melloramos as bases para chegar a máis xente, xa que nos anos anteriores non se esgotou a partida. Ademáis, como a estas idades moitos nenos non empregan libros, incluímos a posibilidade de que o gasto sexa para material escolar”, indica o alcalde, Juan González
Así, para poder optar á axuda é imprescindible que os ingresos da unidade familiar se adapten a un novo baremo no que os ingresos máximos aumentan unha media dun 15% co obxectivo de chegar a máis veciños.
Se o ano pasado os ingresos medios dunha familia de dous membros non podía superar os 15.745 €/ano, agora pasaría a 17.040,32 € e así sucesivamente. Coma o ano anterior, poderá descontarse ata 300€ mensuais en concepto de alugueiro ou hipoteca.