O alcalde, acompañado da presidenta da Deputación, asistiu este mércores á presentación O Marisquiño 2017, que se organizará en Vigo os días 11, 12 y 13 de agosto.
Aumentando cada edición en público e número de asistentes O Marisquiño “é xa é un referente europeo no deporte urbano”, asegurou Abel Caballero, quen fixo un percorrido pola montaxe de rampas e de gradas xunto con Carmela Silva, e o organizador, Carlos González, Piti.
O alcalde felicitouse porque O Marisquiño será unha das probas puntuables para as próximas Olimpíadas, nas que participará por primeira vez o skate como modalidade deportiva. Na súa intervención lembrou o retorno económico que este evento supón en Vigo que redunda na creación de “miles de postos de traballo”.
A presidenta da Deputación, pola súa banda, cualificou este certame como “un dos máis importantes de Vigo”, con moita proxección internacional e gran incidencia económica tanto na cidade como no resto da provincia. Destacou que Vigo se converte nestes días na capital do deporte urbano do mundo da man dos organizadores -aos que lles agradeceu o seu traballo- e ao compromiso do Concello e da Deputación-que aportan este ano 400.000€-.
Nesta edición, segundo explicou o responsable da organización, o número de participantes internacionais incrementarase nun 50% e se prevé unha afluencia de público superior ás 160.000 persoas.
No maior evento de deporte urbano do sur de Europa, haberá nesta ocasión dez competicións deportivas: Skateboarding, BMX, Dirt Jump, descenso, Flatland, Motocross, Motonáutica, das que tres serán probas puntuables para a copa do mundo: Skateboarding Street, Skateboarding Miniramp e Dirt Jump. Non faltarán actividades complementarias como graffiti, break dance ou música.