É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO Goberno de Galicia aproba aumentar un 40% as axudas para formación de persoas desempregadas
O presidente do Goberno de Galicia, adiantou este venres na rolda de prensa do Consello que o Goberno galego incentivará a formación e a contratación de desempregados a través de unidades formativas en catro empresas de sectores estratéxicos en Galicia, que se comprometen a contratar, como mínimo, ao 60% do alumnado. Por outra banda, anunciou a ampliación nun 40% das axudas para a formación de persoas desempregadas.
O informe presentado hoxe reafirma a aposta do Executivo autonómico por “apoiar ás persoas que queren traballar e non poden”, segundo explicou Feijóo. Deste xeito, poñeranse en marcha nove unidades formativas financiadas ao 100% polo Goberno de Galicia no sector aeronáutico, en Coasa; no agroalimentario, en Coren; no metalúrxico, en Exlabesa; e na prevención de riscos laborais, en Previsonor.
As unidades formativas ofertarán, subliñou o xefe do Executivo, 5.000 horas de preparación para 130 persoas que acadarán unha formación de referencia, das que 84 -un 64%-) obterán un contrato de traballo. Aos 400.000€ que a Xunta investirá nesta formación, sumaranse incentivos á contratación con axudas que poderán chegar aos 9.000€ no caso dun contrato indefinido.
Formación para persoas desempregadas
Ademais, o presidente avanzou que se incrementarán en máis de 15 millóns de euros os incentivos para a formación de desempregados impartida en empresas, concellos e entidades sen ánimo de lucro, así como a súa duración, que pasará a ofrecerse ao longo de todo o ano. Así, a inversión do Goberno galego neste eido aproximarase a preto de 56 millóns de euros, o que supón un aumento do 40% con respecto á convocatoria inicial e do 70,6% en relación á do ano anterior.
A través de 1.440 cursos, dos cales se reservará o 15% para persoas sen estudos básicos, 20.540 persoas percibirán formación cualificada. Estas accións formativas, nas que se dará máis relevancia ás especialidades con maiores índices de inserción laboral, están dirixidas principalmente a persoas desempregadas. Así mesmo, se o total das prazas non se cobre, permitirase unha participación de ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas.
Feijóo resaltou que o 64% dos participantes atopan un traballo aos seis meses de rematar a formación. Ademais, lembrou que o Goberno galego tamén destinará 7 millóns de euros para financiar os gastos de transporte, manutención e conciliación do alumnado.