Vigo al minuto

@depo_es abre a inscrición para facer, de balde, a vindeira ruta de ‘Depo Andainas’ por Vilaboa e as Cíes

Desde este luns, 28 de agosto, está aberto- ata o 4 de setembro– o prazo de inscrición para todas as persoas interesadas en asistir gratuitamente á vindeira ruta das “Depo Andainas”.

Esta terceira actividade do programa da Deputación servirá para coñecer as Salinas do Ulló de Vilaboa e as Illas Cíes. Nela poderán participar un total de 300 persoas que deben inscribirse ata o vindeiro 4 de setembro a través do formulario de inscrición que atoparán na páxina web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal  e entregalo nos rexistros da Deputación, en Pontevedra e Vigo, ou nas oficinas do ORAL da provincia

A actividade comezará ás 9 da mañá con Vilaboa coma punto de partida. Deste xeito, a terceira parada destas “Depo Andainas” iniciarase cunha ruta polas Salinas do Ulló. Posteriormente, tras visitar o Miradoiro de Aves, un bus recollerá aos participantes para levalos ao porto de Cangas, dende onde sairán cara ás Illas Cíes.

Xa na illa principal haberá un xantar nos merendoiros entre as praias de Rodas e Figueiras e despois  dun pequeno descanso comezará a subida ao Alto do Príncipe -Monte Agudo-, unha das rutas máis simbólicas e que permite gozar das mellores panorámicas desde un Parque Nacional único en España. Ao remate, haberá a opción de seguir en ruta ata o Faro de Portas, na parte sur da illa pasando pola Lagoa dos Nenos, ou de quedar na marabillosa praia de Rodas.

Durante a actividade, que durará aproximadamente ata as 8 da tarde, impartirase un obradoiro ornitolóxico sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas no que se incluirán técnicas para a observación e claves para a identificación de aves, tanto en voo como en terra. Ademais, os participantes poderán recibir un obradoiro de introdución en técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre.

Posteriormente a esta ruta das Illas Cíes desenvolveranse outras dúas andainas nos meses de setembro e outubro, a primeira en Tui, co Camiño de Santiago, e, en último lugar, en Soutomaior.

O programa “Depo Andainas”, que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza medioambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.

También te puede interesar