O Goberno de Galicia comeza o vindeiro mércores, día 6, as obras de construción do centro de saúde de Gondomar, trala adxudicación do contrato, a principios do mes de agosto. Os traballos contan cun orzamento de 2.355.755,70 de euros.
Este novo centro atenderá unha poboación de 10.600 persoas e vai contar con seis consultas de medicina xeral e seis de enfermería. Ademais haberá unha consulta de matronas e outra sala de educación maternal, unha sala de toma de mostras, outra de espera, unha sala de técnicas e dúas polivalentes.
A área de pediatría contará cunha consulta, unha sala de espera propia, unha consulta de enfermería pediátrica e un aseo. Finalmente, nas zonas de administración e outros usos construiranse unha área de admisión, un arquivo de historias clínicas, dous almacéns, unha sala de caldeiras, outra de estar para o persoal e aseos, tanto públicos como para o persoal. Ademais haberá unha sala de xuntas e biblioteca.
As obras de construción deste novo centro de saúde en Gondomar, contarán cun prazo de execución de 14 meses.