Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O persoal de limpeza de Citroën convoca dúas xornadas de folga, este domingo, día 3 e o luns, 4 de setembro

O cadro de persoal de Clece, concesionaria da limpeza das instalacións de PSA Peugeot Citroën en Vigo, vén de convocar dúas novas xornadas de folga este domingo, 3 e o luns 4 de setembro en protesta polo “incumprimento da empresa dos acordos entre o comité e a dirección”. Coincidindo cos paros, os traballadores desenvolverán concentracións e manifestacións.

Dende a representación da CIG no comité de Clece explican que a decisión adoptouse tras constatar que a empresa segue sen cumprir tanto os acordos pactados directamente como os alcanzados coa mediación do AGA. Ademais, queren denunciar os incumprimentos da dirección en materia de subrogación do persoal e no que ten que ver coas condicións máis beneficiosas que teñen os traballadores. Por último, tamén rexeitan o abuso das contratacións eventuais “con posíbel fraude por acumulación de contratos de medio día de duración”.

Coincidindo coas dúas xornadas de folga previstas para este domingo 3 e para o luns 4 desenvolverán mobilizacións: o domingo de 12.30 a 13.30 horas manifestaranse dende a porta principal de Citroën até a rotonda de Castrelos e volverán de novo até as instalacións da empresa de automoción; e de 13.30 a 14.30 horas permanecerán concentrados ás portas de Citroën, protesta que terá continuidade pola tarde de 21.00 a 22.00 horas.

As protestas do luns consistirán nunha concentración diante da sede de Clece, en Praza América, de 11.00 a 12.00 horas, e de 13.30 a 14.30 e de 21.30 a 22.30 horas diante de Citroën; ademais, haberá dúas manifestacións: unha de 12.00 a 13.30 e de 20.30 a 21.30 horas, tamén dende as instalacións de Citroën até a rotonda de Castrelos.

You may also like