Imaxes:@CIGEnsino/ O curso escolar 2017-2018, que dará comezo a vindeira semana, “iníciase coa supresión de 100 postos de traballo no corpo de mestres e co peche de 69 aulas; cun aumento do número de aulas concertadas; co mantemento das subvencións aos centros segregadores e con recortes que continúan e que teñen graves consecuencias para profesorado e alumnado”.
Así o denunciou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, esta mañá nunha rolda de prensa na que augurou novas protestas contra a LOMCE e as políticas en materia educativa do Goberno de Galicia.
Bermello fixo unha pormenorizada radiografía da situación do ensino público galego “lastrado polo continuísmo nas políticas educativas do PP na Xunta”, que non só se manteñen este curso que está a piques de comezar, senón que “mesmo se intensifican”. Políticas de recorte que, lembrou, impuxeron unha ampliación dos horarios do profesorado, reduciron o emprego e empeoraron as súas condicións de traballo.
O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou a continuidade da LOMCE malia estarmos diante dun “goberno español en minoría” que aínda así “pode manter case inalterábel” a súa estrutura e lamentou a “incapacidade da oposición” para derrogala. Unha lei que, lembrou, trouxo consigo “a elección antidemocrática das direccións, xerarquización do profesorado con perda de democracia interna nos claustros e consellos escolares, a presenza da relixión como materia curricular, a blindaxe dos concertos educativos, o carácter recentralizador e o control currilar, o desprezo ao labor docente, a promoción do elitismo e a competitividade entre os centros”.
Denunciou ademais o “reforzo das privatizacións e o recorte de profesorado e aulas”, que se impuxo a finais de xullo “sen ningún tipo de negociación” e os recortes “máis escurantistas e de difícil control” en secundaria, onde non se publican os cupos de docentes de cada centro e onde se están producindo recortes permanentes na maioría dos centros. Un profesorado que, ademais, ve como parte do seu tempo se vai en tarefas burocráticas que se foron incrementando como cubrir papeleo, encher formularios, cumprimentar inquéritos, en detrimento do que debería ser o seu labor fundamental: a propia docencia.
O secretario nacional da CIG-Ensino foi especialmente crítico co “mantra do plurilingüismo”, agora estendido a infantil e bacharelato. Unha medida que considerou “ausente de rigor pedagóxico” que “afonda na discriminación do galego” que queda “proscrito” como idioma para materias como Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía e que ten como consecuencia unha “desconexión cada vez maior do noso idioma en todas as etapas educativas”.
Respecto das aulas concertadas denunciou, alén do seu incremento, a orde publicada hai menos dunha semana na que se estende a súa duración tanto en Primaria como na ESO a seis anos “comprometendo así a política educativa de vindeiros gobernos”.
Recuperación de dereitos do profesorado
Suso Bermello criticou duramente a política da consellaría de Educación co profesorado, non só do punto de vista retributivo –xa que viu como se estendían os recortes das súas pagas extra máis anos que no resto do Estado e ten uns ingresos de máis de 4.000€ menos que no resto das comunidades– senón tamén pola perda de dereitos.
Neste sentido sinalou que no corpo de mestres/as crece o número dos/as que perderon o seu destino definitivo e volveron á provisionalidade e que medrou nun 15% o total de postos suprimidos provocando que nalgúns casos “nin sequera se cheguen a cubrir os mínimos legais fixados nos cadros de persoal”.
Denunciou que o 18% das/os que teñen destino provisional (444 de 2458) é itinerante e que máis da cuarta parte destas itinerancias (116) son orientadoras; que 308 impartirán afíns e que o 46% do profesorado con destino provisional é interino: 1.130 en total.
Subliñou que as interinidades se disparan en secundaria, FP, EOI e réxime especial chegando ao 60% dos docentes con destino provisional. Isto xunto o feito de que o 28% -1.195 de 4.250- impartirán materias afíns que en moitos casos “non teñen ningún tipo de afinidade”; que hai 797 docentes en expectativa de destino e que moito deste profesorado (case o 19%) leva nesta situación até 9 e 10 anos.
Esta elevadísima situación de interinidade, ademais de xerar unha enorme inestabilidade no profesorado permite á consellaría, segundo Bermello, “xogar” con avantaxe á hora de impor a impartición de afíns a un profesorado que ten “condicións de traballo claramente peores”.