O Concello das Neves vén de esixir á Xunta de Galicia o mantemento “dun servizo de transporte público que dea resposta ás necesidades reais da veciñanza”. Para o Executivo local, o Plan de Transporte posto en marcha polo Goberno galego “altera de xeito substancial a capacidade de mobilidade que deben ter os veciños e veciñas que habitan nos núcleos rurais”.
O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, chamou especialmente a atención sobre o feito de que o novo Plan de Transporte, en lugar de solucionar problemas, “sexa fonte deles” deixando sen servizo á zona suroeste do municipio que cubría a anterior concesión da Empresa Raúl. Esta falta de servizo, sinala o alcalde, provoca un grave problema aos alumnos e alumnas do IES das Neves e da EFA A Cancela “que non teñen posibilidade de chegar ao seu centro de estudos antes das 9:30 h, xa comezadas as clases, cando antes o facían media hora antes”.
O Concello das Neves, ─que no seu momento impulsou un escrito asinado polos concellos de Salceda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, O Porriño e Ponteareas, nos que daba conta polo miúdo de todos os problemas do novo Plan─ lamentou que á hora do seu deseño, “carecera da debida transparencia e participación por parte dos concellos afectados”. A Xunta, sinalou Rodríguez Méndez, “parece esquecer que os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, son os que mellor coñecen ás necesidades de transporte dos seus respectivos territorios”.
A todos os problemas que, diariamente, ocasiona a supresión de liñas, a falta de información sobre os horarios e o incumprimento dos mesmos, engádese o feito de que “durante a fin de semana As Neves queda sen servizo, co que as persoas que teñen que ir ao Hospital Álvaro Cunqueiro, non contan con ningunha liña do noso servizo que lles permita realizar o desprazamento”.
O novo Plan de Transporte, explica Xosé Manuel Rodríguez Méndez, prexudica especialmente a dous sectores de poboación, “os menores de 18 anos e maiores de 65 que, sen un transporte público adecuado, do seu dereito a poder desprazarse”.
Para o Concello das Neves, non deixa de ser paradoxal que a Xunta de Galicia “por unha banda fale da necesidade de asentar poboación no rural como medio para evitar o despoboamento, e por outro deixe aos veciños e veciñas que viven nas parroquias, sen un transporte público imprescindible para a súa vida diaria”.
Doutra banda, apunta o consistorio das Neves, “os concellos carecemos de calquera tipo de información sobre cal é o sistema para poñer en marcha ese sistema de transporte ‘a demanda’, que teoricamente tiña que estar en funcionamento xa neste momento”. “É esencial, ─conclúe Xosé Manuel Rodríguez Méndez─ “que se nos dea unha resposta clara e eficiente sobre este servizo e se poña en marcha unha mesa na que, entre todos os concellos, poidamos deseñar o que ten que ser transporte que, de aquí ao 2019, dea unha resposta integral ao noso territorio e nos permita que teñamos os servizos necesarios para poder cubrir as necesidades da nosa poboación”.