A Asociación Veciñal de Teis vén de esixir ao Concello que precinte as instalacións de transporte ” Crespo e Cousedo” na avenida de Guixar, 12-14, ao non cumprir coa resolución de cese cautelar de actividade, ordenada pola Concellaría de Urbanismo. “Tamén estamos agardando manter unha xuntanza coa Concelleira de Urbanismo, solicitada por esta asociación hai dúas semanas”, indica a Asociación nunha nota enviada aos medios.
Os veciños lembran que “dende hai meses” os residentes no entorno da Avenida de Guixar e da rúa Julian Estevez, “padecen o paso diario de centos de camións de gran tonelaxe, ruídos, po ou problemas de tráfico, situaciónque está denunciada desde hai meses diante do Concello de Vigo”.
“A paciencia da veciñanza acabou cando o luns 4 de setembro a empresa transporte ” Crespo e Cousedo”, comezou a realizar traballos cunha pa escavadora para ampliar o espazo para depositar contedores, provocando danos as vivendas da 1º Travesía de Guixar.
A veciñanza, acordou concentrase diariamente diante das instalacións desta empresa, para pedir a paralización da ampliación e denunciar as molestias desta actividade.
Por último, a asociación convoca unha nova asemblea, mañá martes 26 de setembro ás 20:00 horas, na avenida de Guixar, para analizar as novidades e que mobilizacións realizar.