Galicia

@CuacFM obrigada polo Goberno de Galicia a deixar de emitir en FM logo de 21 anos de información

Cuac FM vén de comunicar que o pasado día 21 de setembro, despois de 21 anos de emisión, a Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Medios, comunicou a Cuac FM a incoación dun expediente sancionador por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. CUAC exponse a unha sanción administrativa que vai dos 100.001 aos 200.000€.

Os responsábeis da emisora salientan que nestes 21 anos de servizo á comunidade, Cuac FM nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin perxudicou a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia”.

Así mesmo, engaden que a Xunta ten constancia da existencia de Cuac FM dende antes de comezar as súas emisións, o 27 de marzo de 1996. “As relacións desta emisora coa Secretaría Xeral que abre o nomeado expediente foron numerosas e sempre no mesmo sentido. CUAC solicitou en reiteradas ocasións a reserva de espazo radioeléctrico para servizos de comunicación comunitario sen ánimo de lucro e licenzas, aínda que fosen provisionais, para salvagardar a actividade das poucas emisoras libres comunitarias que existen en Galicia”.

CUAC, indica que vén reivindicando e traballando, dende hai dúas décadas, a nivel galego, estatal e europeo, “pola defensa do exercicio ao dereito fundamental á liberdade de expresión e de información, un dereito inalienable que está recoñecido pola Declaración de Dereitos Humanos (ONU, 1948) e polo artigo 20.1.a) da Constitución Española. Este traballo realízase de maneira coordinada coa Rede de Medios Comunitarios (REMC) e coa Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), das que CUAC forma parte”.

CUAC ten reclamado en varias ocasións á Xunta de Galicia a aplicación na nosa comunidade da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 que recoñece, no seu artigo 4º, aos medios comunitarios coma un dereito da cidadanía, e establece na súa Disposición Transitoria 14 o dereito dos servizos de comunicación audiovisuais comunitarios de radio e televisión preexistentes, que emitían antes do 1 de xaneiro do 2009, a acceder a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade.

CUAC denuncia o incumprimento por parte das administracións públicas da nomeada Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, en grao de omisión, ao non outorgarse ningunha licenza para servizos de comunicación comunitaria sen ánimo do lucro nos sete anos despois da entrada en vigor da lei. O estado incumpre de xeito reiterado o mandato de desenvolvela regulamentariamente pese ao recordatorio que en 2012 fixo a oficina do Defensor del Pueblo nese sentido.

“A Xunta de Galicia vén de facer oídos xordos a todo este itinerario legal e aposta polo exterminio do único Servizo de Comunicación Comunitario sen ánimo de lucro existente na cidade da Coruña, contradicindo tamén a moción aprobada en 2016 polo Pleno do Concello da Coruña, orientada á protección destes servizos, e nomeadamente, de Cuac FM”.

Onte, 28 de setembro de 2017, a Asemblea Xeral de socios e socias do Colectivo de Universitarios Activos decidiu cesar as súas emisións en frecuencia modulada (FM) ata que se resolva esta situación, mais mantendo a súa actividade en Internet, tanto en streaming coma en podcasting.

Aprobou tamén desenvolver nas vindeiras datas unha estratexia de defensa do dereito a comunicar da cidadanía, tanto no eido xurídico, coma no político e no social, para o cal mobilizará todos os seus recursos materiais e humanos, na convicción de que o único xeito efectivo de defender os dereitos humanos e  a través do seu exercizo.

También te puede interesar