A asemblea veciñal celebrada esta semana, acordou convocar unha manifestación para este vindeiro martes 17 de de outubro ás 7 da tarde, desde o cruzamento da rúa Santa Tegra e a avenida de Guixar – antigas instalacións da Campsa-, para esixir do Concello a paralización da almacenaxe de contedores nesta zona e prohibir o paso de camións de gran tonelaxe pola rúa Julian Estevez e a Avenida de Guixar.
A Asociación Veciñal de Teis, calcula que “de luns a venres pasan máis de 300 camións polas rúas de Julian Estevez e a Avenida de Guixar, con destino principal as instalacións denunciadas de transporte Crespo e Cousedo e as antigas instalacións da Campsa. A zona de Guixar, tamén utilízana os camións que van ao porto de Vigo e os camións do lixo para a empacadora”.
A asociación vecinal subliña que é unha situación insoportábel debido as graves molestias provocadas á veciñanza (ruídos, po, problemas de tráfico,etc.,), cando estes camións, teñen outros acesos ao porto e as instalacións de contedores, carecen de licenza municipal.
Desde a Asociación Veciñal de Teis, reiterase que o Concello debe precintar as instalacións desta compañía ao non cumprir coa resolución de cese cautelar de actividade, ordenada pola Concellería de Urbanismo e abrir un expediente tamén contra as instalacións da antiga Campsa,ao carecer de licenza municipal.
“A paciencia da veciñanza acabouse cando a comezos de setembro a empresa transporte Crespo e Cousedo, comezou a realizar traballos cunha pa escavadora para ampliar o espazo para depositar contedores, provocando danos nas vivendas da 1º Travesía de Guixar”.
A veciñanza, concentrase diariamente diante das instalacións desta empresa, para pedir a paralización da ampliación e denunciar as molestias desta actividade. “Ademais, hai dúas semanas concentrámonos na Praza do Rei, coincidindo coa celebración do último pleno municipal”.