A última reunión da Xunta de Goberno Local deu luz verde á aprobación dos proxectos básicos e de execución de dúas novas humanizacións: a de Camilo José Cela, cun orzamento de 667.000€ e 7 meses de obras, no tramo que vai desde Chano Piñeiro ata Coruña.
A rúa, indicou o alcalde, ten unha “densidade de poboación importante” e está “moi deteriorada”, polo que se vai humanizar con novos pavimentos, abastecemento, alumeado, pluviais, rego, xardineiras, arborado, sinalización e mobiliario urbano.
En segundo lugar, o goberno vigués licitará a humanización de Pintor José Frau en 600.000€ e 6 meses de prazo estimado de obras. A reforma, expuxo Abel Caballero, renovará as redes de servizos soterradas, pavimentos, alumeado, bancos, papeleiras e novo arborado.
Nesta rúa, engadiu o alcalde, o Concello porá en valor a obra do pintor José Frau mediante vinilos adhesivos sobre vidro e montados nun marco de acero inoxidable, cun formato “moi novidoso”, pois terá ilusións ópticas a través de impresións en distintos planos. O Concello de Vigo tamén proxecta unha escultura do pintor que da nome á rúa, con información do artista en braille e en códigos QR.
O alcalde informou, ademáis, sobre a contratación das obras de humanización de Marqués de Valterra, na súa segunda fase, cun prazo de execución estimado en oito meses e un importe de licitación de 871.000€. Esta actuación municipal, que inclúe a instalación dun elevador, forma parte do proxecto EDUSI Vigo Vertical, para o que Vigo obtivo 15 millóns de fondos europeos.
Caballero explicou que Marqués de Valterra é un vial “danado” nunha das súas beirarrúas polos efectos das naves industriais, unha rúa que o Concello está a humanizar nas súas partes habitadas. A segunda fase da reforma comprende entre as rúas Gaiteiro Portela e Juan Ramón Jiménez.
O alcalde indicou que a humanización conlevará a calidade habitual destas melloras, con beirarrúas en granito, novas redes de servizos, iluminación, mobiliario urbano ou arborado, e engadirá a instalación dun ascensor acristalado que conecte con Torrecedeira á altura da rúa Instituto Oceanográfico.
Este será un dos dous elevadores cos que contará Marqués de Valladares, pois o Concello xa traballa no proxecto dun segundo ascensor na confluencia con Juan Ramón Jiménez, á altura do que o goberno vigués xa ten contratado no parque Camilo José Cela para unir Torrecedeira e Pi y Margall, onde xa funciona o que sube ata a Avenida das Camelias.