O alcalde deu conta este mércores da sinatura da resolución definitiva da declaración de ineficacia da comunicación previa de actividade de ‘Transportes Crespo e Cousido’, desestimando as alegacións da empresa, de xeito que ordena o “cese inmediato da actividade para aparcamento privado de camións e contedores e actividades auxiliares na parcela situada na Avenida de Guixar número 12”.
O goberno municipal prohibe exercer a actividade pretendida e reitera á citada empresa a orde de cese que debe cumprir nun prazo máximo de 48 horas desde a notificación desta resolución.
Abel Caballero explicou que, no caso de que se constate o incumprimento da orde, procederase á súa execución subsidiaria mediante o precintado do establecemento e o corte de subministro dos servizos de auga e electricidade, entre outros.
O alcalde engadiu que, “malia as peticións veciñais de apresuramento”, neste procedemento era imprescindible cubrir ben a legalidade da tramitación e respectar os prazos que marca a lei así como facer as notificacións oportunas para evitar unha posible paralización xudicial posterior.