Carmela Silva, anunciou este luns en rolda de prensa que este martes, na reunión convocada pola Delegación do Goberno, pedirá que Galicia -e a provincia de Pontevedra, particularmente- sexa declarada como “zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”, tal como aparece recollido na Lei 17/2015 do sistema nacional de protección civil que foi aprobada, lembrou Carmela Silva, “en xullo de 2015, polo actual Goberno estatal”.
A presidenta da Deputación amosouse “sorprendida” porque, oito días despois desta catástrofe, o Goberno de Galicia nin fala desta lei nin fala de que vaia pedir esta declaración, cousa que chama á atención”. De feito, asegurou,“nesta reunión non soamente vou pedir a aplicación desta lei no vindeiro Consello, de xeito inmediato, senón que tamén vou preguntar por que non se puxo en marcha ata este momento”.
Unha vez declarada a zona gravemente afectada, as medidas aplicables inclúen “axudas económicas a particulares por danos na vivenda habitual e bens de primeira necesidade ou compensacións a administracións locais por gastos derivados de actuacións inaprazables”, explicou Silva.
Respecto a este último, a presidenta da Deputación sinalou que “hoxe atopámonos con que o alcalde das Neves precisa un apoio urxente de enxeñería, arquitectura e avogacía porque a vila está nunha situación de extrema gravidade”. Ademais, a lei tamén establece “axudas destinadas a establecementos industriais, mercantís e de servizos”, ao que Carmela Silva lembrou que se viron “afectadas naves, empresas e moitas persoas autónomas”, así como “axudas por danos en producións agrícolas, gandeiras, forestais e de acuicultura mariña, que na nosa provincia foron gravísimos”.
Todas estas medidas, salientou, “son directas, só hai que declarar a zona gravemente afectada para que se apliquen de maneira inmediata. Como é posible que ninguén o solicitase?”.