A Consellería de Infraestruturas e Vivenda aboará no vindeiro mes de novembro preto de 3 millóns de euros correspondentes a expropiacións realizadas para o desenvolvemento da plataforma loxística e industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), tal como establece o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia.
O importe é financiado polos tres organismos que promoven esta infraestrutura, para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/Qjpg3g.
Os pagos corresponden a un total de máis de 1.000 fincas e levaranse a cabo os días 14, 15, 16, 17, 28, 29 e 30 de novembro, no Centro Social do Concello de As Neves. Así mesmo, notificaránselles individualmente ás persoas titulares dos terreos a data, a hora e o lugar en que se procederá ao levantamento das actas complementarias de pagamento.
Os abonos que se van realizar corresponden a incrementos sobre o prezo da expropiación, fixados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ou o Xurado de Expropiación.
Neste momento, as obras da primeira fase dos sistemas xerais xa están rematadas e a actuación para a construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) xa foi adxudicada por un importe de 3.126.398€.
Así mesmo, preevese a licitación das obras da urbanización interior da zona Loxístico Empresarial antes de rematar este ano e contará cun orzamento de máis de 12 millóns de euros e estación de tratamento de auga potable (ETAP) cun investimento de 5,62 millóns de euros.
Antes de finalizar o presente ano, está previsto convocar un concurso de venda de solo empresarial na PLISAN, no que se fixará un prezo de 50 euros por metro cadrado para os primeiro 100.000 metros cadrados que se vendan.