A Unidade de Rehabilitación Intervencionista do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) é xa un referente polo emprego de técnicas punteiras e cada vez máis eficaces e menos invasivas para os pacientes .
A Unidade, co doutor Jacobo Formigo Couceiro á fronte, foi creada hai catro anos no servizo de Rehabilitación e Medicina Física que dirixe o doutor Francisco Javier Juan García. Desde entón non parou de medrar. Hai ano e medio Jacobo Formigo foi designado coordinador do Grupo de Traballo de Rehabilitación Intervencionista da Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física.
Un dos seus primeiros proxectos foi a posta en marcha dunhas xornadas nacionais para intercambiar opinións e coñecementos co resto dos expertos españois. Ditas xornadas nacionais celebraranse este fin de semana, os días 27 e 28, en Vigo, organizadas e coordinadas desde o CHUVI. Ás mesmas asistirán uns 120 expertos de toda España en procedementos de Rehabilitación Intervencionista.
“No CHUVI, somos referentes a nivel peninsular, porque aquí facemos técnicas novas e de xeito innovador atraendo a formarse residentes e especialistas de outros hospitais de España e Portugal”, afirma o coordinador da Unidade.
2.000 pacientes atendidos na Unidade
Basicamente a Rehabilitación Intervencionista consiste en empregar técnicas pouco invasivas co apoio da imaxe, principalmente a ecografía, que permite que tanto o diagnóstico como o tratamento sexan moito máis precisos. “Son tratamentos enfocados a mellorar as capacidades funcionais dos pacientes e a reducir a dor que padecen”-.
As técnicas intervencionistas permiten actuar en todo tipo de localizacións e patoloxías, así como precisar as substancias que se utilizan en cada caso.
O responsable da Unidade si deixou claro que “só realizamos este tipo de procedementos en pacientes que realmente o necesitan polo tipo de patoloxía que presentan; hai outras nas que non é aconsellable levalas a cabo e eses casos, evidentemente, debemos descartalos”.
O crecemento da Unidade constátase co número de pacientes que se tratan, que na actualidade son preto de 2.000 ao ano na área de Vigo. Normalmente o procedemento intervencionista de que se trate, realízase en consulta, con anestesia local e sen necesidade de utilizar o quirófano, como se facía antigamente para algunha destas doenzas. O paciente volve ao seu domicilio e tras un breve período de repouso nin sequera necesita posteriormente de fisioterapia.
Como exemplo, máis do 80% dos procedementos que se realizan no CHUVI para a drenaxe das calcificacións de ombreiro melloraron.
“Pódese dicir que estamos ante unha parte fundamental da Rehabilitación moderna do aparello locomotor”, subliña o especialista, que constata que mesmo a Sociedade Europea de Rehabilitación recomenda o uso destas técnicas.
De feito, nas xornadas que comezan o venres en Vigo haberá relatorios e obradoiros nos que se exporán as distintas técnicas que se aplican para patoloxías de ombreiro, xeonllo, pulso e mans, columna ou cadeira, entre outras.