Galicia

@Xunta abre a inscrición no programa ‘Xuntos no Nadal’ para persoas maiores que se atopen soas

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, organiza un ano máis o programa ‘Xuntos polo Nadal’ que oferta 240 prazas -120 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense, para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra, e outras 120 na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán, para as solicitudes procedentes das provincias da Coruña e Ourense-.

Esta iniciativa está dirixida a aquelas persoas maiores de 60 anos que se atopen soas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, a perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias, e que queiran pasar o Nadal en compañía.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de novembro incluído, nos servizos sociais comunitarios dos concellos, nos departamentos de traballo social dos centros de saúde e hospitais, nas xefaturas territoriais ou centros sociocomunitarios de benestar dependentes da Consellería de Política Social.

As persoas participantes que teñan uns ingresos inferiores ao IPREM (537,84€/mes) asistirán de forma gratuíta ao programa, mentres que aquelas cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pago da estancia coa achega de 50€. Os gastos de desprazamento desde o domicilio dos adxudicatarios ata o lugar de saída que se indique nas localidades de Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo e viceversa serán por conta da persoa participante.

Para a selección dos participantes darase preferencia ás persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen no últimos anos, teñan máis idade, teñan un menor nivel de ingresos económicos e non participaran no programa `Xuntos polo Nadal’ en pasadas edicións.

O programa ‘Xuntos polo Nadal’, que comeza o 23 de decembro e, por primeira vez, remata o 7 de xaneiro, incluirá aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa. Ao abeiro do programa realizaranse numerosas actividades de animación sociocultural durante o tempo que transcorra a devandita iniciativa.

También te puede interesar