A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu este sábado pola mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.
No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”
Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.
As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.
Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.
En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.