Xesús Ferreira ten unha explotación de vacas de carne e ovellas na parroquia de Cerdeira, no concello pontevedrés de As Neves. Na vaga de lumes que asolou Galicia na fin de semana do 15 de outubro, tivo a mala sorte de que lle arderán todos os pasteiros do que se alimentaba o seu gando: 35.000 metros cadrados de prados e todo o monte comunal da parroquia.
Dende aquela, as redes sociais ferveron con peticións de axuda e ofertas de solidariedade nun diálogo no que tamén participou a afiliación do Sindicato Labrego Galego. Froito deste intercambio, foron os cargamentos de herba que lle enviaron a Xesús dende parroquias chairegas como Labrada ou Fanoi , no concello lucense de Abadín.
En total, dende a Terra Chá, en Lugo, enviáronselle esta fin de semana a Xesús 65 rolos de herba ensilada que superan as 35 toneladas. Para o transporte contouse tamén coa colaboración desinteresada de Transportes Montes de Goiriz, de Vilalba.
Xesús quixo expresar o seu agradecemento aos gandeiros e gandeiras da Terra Chá que lle doaron herba, pois este apoio foi moi importante, xa que, até que cheguen as axudas da Xunta, o gando ten que comer.
“Agora mesmo, estou alimentando o gando grazas á herba que me doaron estas e outras granxas”, explica Xesús, “porque, a nivel oficial, aínda non recibimos nada e non sabemos aínda se imos ter apoios ou non. E o meu gando ten que comer xa, dende a hora seguinte aos lumes. E, hoxe, grazas á solidariedade, as miñas vacas e as miñas ovellas están comendo”.
Tamén queremos, dende o Sindicato Labrego Galego, darlle as grazas ás granxas de Fanoi e Labrada que colaboraron desinteresadamente nesta campaña solidaria, xa que os tempos que corren para a gandería non son bos e tiveron que facer un grande esforzo para apoiar a un compañeiro desafiuzado polos lumes. Esta é a forza que mantén aínda vivo o rural galego a pesares da falta de apoios institucionais e das políticas destrutivas da Xunta de Galicia.