A presidenta da Deputación asinou este xoves, xunto a Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e as investigadoras Josefina Garrido e María Calviño, un convenio, dotado con 60.000€, que servirá para dar resposta á expansión que está tendo na provincia de Pontevedra a Vespa Velutina e ao seu efecto sobre a produción apícola.
No acto, Carmela Silva salientou que “na Deputación de Pontevedra, como xa amosamos durante o Pleno do 29 de setembro, estamos enormemente preocupados pola invasión da Vespa Velutina e pola pouca información existente ao respecto. Con este convenio queremos dotar de medios á investigación, pois senón hai coñecemento non se poderá resolver esta problemática”.
En relación á loita fronte a esta problemática, Silva deixou clara a implicación da institución provincial e reclamou á Xunta de Galicia “que como administración competente tomen as medidas necesarias porque isto é unha cuestión moi seria que está afectando dunha forma grave a nosa poboación, especialmente a sectores que tiñan unha proxección económica de futuro moi importante”.
Durante a súa intervención, a presidenta da Deputación quixo unirse ás reclamacións expostas por Laura García Sáez, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura, no Pleno da Deputación de Pontevedra demandando a necesidade dun plan de loita efectivo que conte cun financiamento e un seguimento axeitado.
A Vespa Velutina introduciuse en Europa por Francia e tivo unha rápida expansión. A día de hoxe xa forma parte da lista de especies exóticas invasoras da Unión Europea e do Estado español. Actualmente o 87% dos concellos da provincia de Pontevedra está afectada pola presenza de niños, sendo as comarcas de Vigo, Baixo Miño, O Morrazo e o Deza as máis afectadas pola presenza deste insecto.
O descoñecemento do tratamento e o combate contra este insecto fai imposible o seu control no seu desenvolvemento por toda a provincia. Por elo, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo consideran necesario investigar como manexar a Vespa Velutina. En verbas da presidenta da Deputación, “este é un tema moi serio que require investigación”.
Aínda que non son as nosas competencias, como somos unha administración seria e responsable, ante un caso tan grave que afecta aos concellos da nosa provincia, consideramos fundamental a firma deste convenio. “Co talento da Universidade de Vigo converterémonos nun referente no estudo sobre a velutina que permitiranos atopar instrumentos e tomar medidas para que a súa presenza non teña efectos negativos.”
En canto aos obxectivos desta investigación, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, explicou que “preténdese atenuar os efectos desta especie invasora e crear protocolos de actuación e de conducta que permitan ser máis eficiente que permita tranquilizar á poboación. En concreto marcámonos dous obxectivos básicos, por unha banda detectar os niños da maneira máis tempérana posible e por outro o estudo do comportamento desta especie a través da creación da primeira estación experimental”. A investigadora da área de ecoloxía, María Calviño, engadiu que con esta investigación “queremos establecer uns protocolos fáciles de poñer en marcha, que non sexan especialmente caros e que nos permita aumentar a eficacia da destrución dos niños.”
No marco deste convenio, a Universidade de Vigo vai a elaborar un protocolo para a detección dos niños mediante métodos baseados no marcaxe con dispositivos que faciliten o seguimento da “Vespa Velutina” e que permita delinear as súas rutas de alimentación. E amais porá en marcha unha Estación Experimental, no Campus de Vigo, para o estudo desta nova especie que sería pioneira en Europa e que foi destacada por Josefina Garrido, investigadora da área de zooloxía especialista en artrópodos, pois segundo ela “poderemos coñecer aspectos do estudo que doutra maneira sería imposible.”