O xerente da Área Sanitaria de Vigo presentou hoxe o Plan de Continxencia para a Gripe 2017/18 “un Plan que establece a articulación dos diferentes niveis asistenciais e a coordinación dos servizos e recursos para optimizar a atención á gripe e as súas consecuencias”, asegurou Félix Rubial.
Nesta presentación estivo acompañado polos xefes dalgúns servizos clínicos implicados na atención a esta enfermidade, como o de Urxencias, Luis Amador; Medicina Preventiva, Victor del Campo; Medicina Interna, Manuel Crespo; Pneumoloxia, Alberto Fernández Villar; Microbioloxía, Benito Regueiro; Medicina Intensiva, Dolores Vila; Xeriatría, José M. Vega; Pediatría, José R. Férnandez Lorenzo; Unidade de Curta Estadía, Martín Rubianes, e o xefe da Unidade de Atención primaria de Matamá, Leopoldo García Méndez.
Atención primaria, primeiro nivel de atención
Este Plan recolle a cadea de niveis da atención á gripe, que sería o seguinte: en primeiro lugar, o médico de familia, que será o eixo en torno ao que xiran todos os demais. Nos centros de saúde estableceranse sistemas de atención especifica en axendas para atender o posible incremento de solicitudes de atención non programada .
O seguinte eslavón o constitúen as Urxencias extrahospitalarias de Atención primaria (PAC), e por último as Urxencias hospitalarias do Álvaro Cunqueiro. Trátase de concienciar a cidadanía da importancia de atender aos pacientes no nivel máis axeitado a súa situación clínica e que utilicen, en primeiro lugar, os recursos de atención primaria, para blindar así as Urxencias do hospital para a atención aos casos de maior gravidade. Hai que recordar que a derivación ao servizo de Urxencias hospitalarias debe realizarse desde a atención primaria ou desde o 061.
Medidas intrahospitalarias
No caso dunha situación epidémica que requirira a atención hospitalaria dunha porcentaxe de pacientes moi superior da media habitual, dende a Área Sanitaria de Vigo se identifica dous puntos críticos desta asistencia: a presión asistencial do servizo de Urxencias debido a unha maior frecuentación dos pacientes en demanda de atención; e o nivel de rotación e dispoñibilidade das camas hospitalarias.
Neste senso, en función da situación da ocupación de hospitalización, o Plan de Continxencia establece as seguintes medidas: priorización das altas hospitalarias e das probas e interconsultas dos pacientes hospitalizados; duplicación das camas das habitacións individuais que se realizará en primeiro lugar nas Unidades de Medicina Interna, Pneumoloxía, e Curta Estadía; traslados internos entre hospitais do CHUVI; axilización dos procesos de ingreso desde a Urxencia coa posta en marcha dun circuíto preferente de altas de hospitalización, limpeza, e traslado de pacientes ás plantas; e modificación da programación cirúrxica e da cirurxía sen ingreso.
No referido aos recursos humanos, o Plan contempla tamén os reforzos de persoal en función da estacionalidade da epidemia e do nivel de alerta e de ocupación. Ademais, naqueles servizos da área médica máis directamente relacionados coa gripe, axustarase a actividade para absorber o incremento de demanda non programada por esta patoloxía.
No transcurso da súa intervención, Rubial subliñou ao servizo de Microbioloxía como un dos que “xogan un papel fundamental no apoio diagnostico desta patoloxía”. Así, os profesionais deste servizo realizarán un test rápido diagnóstico para todos os pacientes detectados na triaxe desde a Urxencias. O tempo de resposta de laboratorio é de aproximadamente minuto e medio. O resultado séra comunicado directamente desde Microbioloxía ao servizo de Urxencias a tráves dos números de teléfonos previstos.
“Pero sen dúbida a mellor arma contra a gripe é prevención, e hoxe en dia dispoñemos da ferramenta máis eficaz na loita cotra a enfermidade, a vacinación, polo que é responsabilidade da autoridade sanitaria promover medidas para concienciar á cidadanía, e especialmente aos profesionais sanitarios, da necesidade de vacinarse”-asegurou o xerente.
Aínda que a gripe é impredecible e se descoñece o comportamento do virus esta tempada, hai que tomar como referencia a situación epidemiolóxica nos países do hemisferio austral, como Australia, que este ano rexistrou un aumento da onda epidémica coa conseguinte maior afectación na poboación. “Polo tanto, debemos prevenir e estar preparados”.
Un millar de vacinados máis
Aínda que a campaña de vacinación antigripal rematará o 29 de decembro, nestas primeiras semanas de vacinación, a área de Vigo ten experimentado un incremento dun millar de vacinados con respecto ao mesmo período do pasado ano. Así, mentres no 2016 levabánse administradas 54.567 vacinas, no momento actual son 61.636; isto é, 1.824 persoas vacinadas máis (un 3%).