É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másA prevención é a mellor arma contra a Sida que matou en Galicia a 3.040 persoas de 2004 a 2016
Coincidindo coa conmemoración do ‘Día Mundial da Sida’ o vindeiro día 1 de decembro, a Consellería de Sanidade publica o Informe ‘VIH-sida e outras ITS en Galicia 2017’, no que se destaca que nos últimos catro anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 81 a 44 casos ao ano por millón de habitantes en 2016.
O informe salienta que Galicia acumula 4.213 casos de sida dende que en 1984 diagnosticouse o primeiro caso. En relación ao período 2004-2016, os datos en presentan unha incidencia de infección polo VIH de 69,5 casos ao ano por millón de habitantes, o que nos sitúa por debaixo da incidencia anual española que é de 99 infeccións. Neste período producíronse en Galicia un total de 3.040 mortes polo VIH.
As provincias da Coruña e Pontevedra son as zonas con maior incidencia de infección polo VIH de Galicia. Ourense ten unha incidencia intermedia e Lugo é a de menor incidencia.
No patrón epidemiolóxico da transmisión do virus predomina claramente a vía sexual, así no 77% dos casos o contaxio produciuse a causa das relacións sexuais non protexidas (39,9% por relacións entre homes que teñen relacións sexuais con outros homes -HSH- e 37,5 % heterosexual), e as infeccións por compartir material de inxección entre os usuarios de drogas inxectables supón o 17% dos casos rexistrados de nova infección.
Importancia do diagnóstico previo
Cómpre lembrar que unha quinta parte da poboación infectada polo VIH non sabe que o está, e pode estar transmitindo a infección a outras persoas se teñen prácticas sexuais non seguras. Ao longo do período e sen variacións anuais significativas, o 49 % dos novos diagnósticos de infección presentan diagnóstico tardío. Estes datos resaltan a necesidade de seguir impulsando actividades para conseguir mellorar o diagnóstico precoz entre a poboación e os profesionais sanitarios, cuestión que é prioritaria para obter o máximo beneficio, individual e colectivo, dos avances na prevención e o tratamento da infección polo VIH.
Dende o ano 2009 invístense máis de 50 millóns de euros anuais na atención de pacientes galegos infectados polo VIH, dos cales o 60 % son gastos en fármacos antirretrovirais. En 2016, había 5.451 persoas a tratamento antirretroviral e o gasto en antirretrovirais ascendeu a 34.562.477 €.
Unha das campañas preventivas máis importantes no fomento do diagnóstico precoz do VIH en Galicia é o programa de probas rápidas. Estas probas empregan unha mostra de saliva, son gratuítas, anónimas e están accesibles á comunidade a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias galegas. Dende o comezo deste programa en 2011, fixéronse 4.694 probas rápidas de VIH, das cales 73 (1,6%) foron positivas.
A prevención segue a ser a estratexia fundamental
En ausencia dunha vacina preventiva e de tratamento curativo, a prevención segue a ser a estratexia fundamental de control da epidemia da infección polo VIH e a sida. Dado que as relacións sexuais non seguras son a principal vía de transmisión do virus na nosa contorna, as campañas preventivas neste eido acadan unha especial relevancia.