Galicia

Novo accidente nas obras do AVE no treito Laza-Cerdedelo cun traballador ferido de gravidade

A federación da Construción e Madeira da CIG vén de alertar, unha vez máis, sobre a falla de seguridade nas obras do AVE despois que este pasado xoves se producise o “enésimo accidente de traballo no treito de Laza a Cerdedelo”, no que un operario resultou ferido de gravidade.

Dende a central anuncian que presentarán novas denuncias diante da Inspección de Traballo e da Seguridade Social para que se investiguen as condicións “terceiromundistas” nas que se desenvolve o proxecto da alta velocidade galega.

Segundo explican dende a CIG-Construción, o sinistro laboral que tivo lugar este xoves deixou gravemente ferido a un traballador ao saír da vía e caer por un cavorco o tractor que manexaba, tendo que ser desprazado en helicóptero até o hospital.

“Coma xa temos dito en innumerábeis ocasións, as obras realizadas con diñeiro público volven ser noticia por estar dirixidas máis ao negocio de certas empresas que a prestar servizos á cidadanía”, indica o secretario nacional da federación, Plácido Valencia.

A Central critica que o “entramado descontrolado” de UTE e empresas subcontratadas revélase como un “cóctel pernicioso” para a seguridade no traballo e para os dereitos dos operarios e, sobre todo, “cando o Goberno do PP, a Inspección de Traballo e a Seguridade Social fan desleixo de funcións e non poñen as medidas precisas para evitar este regueiro de sinistros, por moita denuncia que fagamos”.

Con todo, anuncian que presentarán unha nova denuncia da Inspección de Traballo e da Seguridade Social en Ourense -organismos aos que acusan de desleixo á hora de velar pola seguridade laboral- a fin de lle reiterar a necesidade “non de ir pasear polos túneles do AVE da man dos encargados e dos xefes das obras, senón de comparecer nesas instalacións a falar cos traballadores con reserva e privacidade para evitar represalias, e investigar con medios profesionais as condicións terceiromundistas das obras do AVE”.

También te puede interesar