Carmela Silva, xunto á deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, deu a coñecer este venres a aprobación, por unanimidade, do primeiro Plan de Igualdade da Deputación de Pontevedra que segundo subliñou a presidenta, “trátase do primeiro dunha administración pública española que se elaborou en base a unha auditoría laboral de xénero, que contén unha análise exhaustiva da área salarial do persoal baixo a perspectiva de xénero, cumprindo os termos establecidos en todas as recomendacións”.
O 17 de outubro de 2017 levouse á Mesa do Congreso unha proposta para a inclusión da auditoría laboral de xénero coa finalidade de desenvolver o compromiso de transparencia salarial establecido na recomendación da Comisión Europea do 7 de marzo de 2014. Estas cuestións, levadas ao Congreso dos Deputados hai dous meses, “xa as tiñamos nós contemplado antes, polo que somos a primeira administración española en elaborar un Plan de Igualdade en base a esta auditoría”, afirmou Carmela Silva.
Silva subliñouque o Plan de Igualdade tamén contén todas as medidas que contempla o Pacto do Estado en materia laboral que se ten aprobado recentemente, así como as medidas que o Senado recolleu contra as violencias machistas. Por estes motivos, “estamos a dar un paso máis adiante xa que as cuestións abordadas no Pacto do Estado en materia laboral e contra as violencias machistas aínda non foron desenvolvidas e nós xa as estamos a promover, antes que ningunha outra administración, a través do noso Plan de Igualdade”, indicou Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra informou que o Plan de Igualdade ten unha vixencia de tres anos e pretende dar cumprimento á normativa existente no Estado e á lexislación galega, pero ampliando o concepto de discriminación en liña cos obxectivos do Convenio de Istambul.
Así, tal e como asegurou Silva, “a través deste plan elimínase toda discriminación contra as mulleres e permite seguir avanzando no desenvolvemento dun marco favorable de relacións laborais baseado na igualdade de oportunidades, a non discriminación e a tolerancia cero ante as situacións de violencia contra as mulleres, promovendo un entorno seguro e saudable para todo o persoal ao servizo desta administración”.
Para elaborar o primeiro Plan de Igualdade da Deputación realizouse un estudo en profundidade dos distintos servizos da institución. Desta análise extraéronse cuestións como que o cadro de persoal está integrado por un 60% de mulleres, que a representación de mulleres nos postos de toma de decisión é maior que a media das entidades locais, que existe unha maior representación sindical de homes que de mulleres, que elas desenvolven o seu traballo nas áreas de política social e réxime interior, que existen servizos masculinizados, que non se estaban impartindo cursos formativos en materia de sensibilización en igualdade e que o Pleno e a Xunta de Goberno está composto por un 44% de mulleres e un 56% de homes.