O goberno local deu luz verde ao convenio entre Concello e Deputación que permitirá que Vigo conte cun carril bici que unirá Samil e Teis. Esta primeira vía ciclista de Vigo conta cun orzamento de 5.895.000€, dos que 3.537.000 son achegados pola Deputación de Pontevedra– 1.400.000€ en 2018 e 2.137.000€ en 2019- mentres que o Concello aportará, en 2019, un total de 2.358.000€.
Abel Caballero e Carmela Silva asinaron este venres o convenio para facer posible este proxecto que, segundo adiantou o alcalde, ten un prazo de execución de 12 meses e permitirá realizar humanizacións en zonas nas que aínda non se acometeran melloras municipais.
Este primeiro carril bici discorrerá pola Avenida de Europa, Avenida de Castelao, Praza América, rúa López Mora, Camelias, Praza da Independencia, Glorieta Bicentenario, rúa Venezuela e cruce con Gran Vía, rúa Pizarro, Travesía de Vigo e rúa Buenos Aires.