Galicia

O Goberno de Galicia aproba extender a ‘Tarxeta Benvida’ ata os 3 anos para familias con rendas inferiores a 22.000€

O Goberno de Galicia aprobou na sua xuntanza de onte, xoves, que extende ás familias que  teñan fillos a ‘Tarxeta Benvida’ ata os 3 anos e para as rendas familiares inferiores a 22.000€.

Deste xeito, manterase durante o primeiro ano de vida do neno cos mesmos criterios que ata agora coa novidade de que se ampliará ata que cumpra tres anos no caso das familias que máis o precisan.

Deste xeito, durante o primeiro ano de vida do neno, a Tarxeta Benvida terá o mesmo importe que ata agora: 1.200€ (100€ ao mes) que pasarán a distribuírse nun ou dous pagamentos anuais.

Segundo detallou o presidente do Goberno galego, poderán acceder a ela os pais naturais ou con cativos en adopción ou garda con fins adoptivos cuxa renda anual familiar sexa inferior aos 45.000€ou menor de 13.500€ per capita.

Durante o segundo e terceiro ano de vida do neno, poderán acceder á axuda aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000€. As contías serán de 600€ anuais para o primeiro fillo; 1.200 anuais para o segundo; e para o terceiro e sucesivos 2.400 anuais. Nestes casos, as achegas realizaranse en pagamentos anuais sucesivos.

Ademais, esta axuda tamén se abrirá ás familias galegas que residan no exterior e decidan retornar a Galicia no 2018. Neste senso, Feijóo explicou que aínda que o fillo naza antes do retorno, o prazo de dous meses para solicitar a Tarxeta comezará a partir do seu regreso, non a partir do nacemento do neno.

O presidente lembrou que a Tarxeta Benvida está destinada a atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, produtos de hixiene ou de farmacia.

O xefe do Goberno de Galicia estima que a Tarxeta Benvida será percibida por 8 de cada 10 familias galegas con fillos pequenos. Cada ano, uns 15.000 nenas e nenos se beneficiarán desta axuda, igual que nestas dúas últimas anualidades e estímase que 9.000 delas poidan recibila ata que se cumpran os tres anos.

Segundo lembrou Feijóo, grazas á Tarxeta Benvida beneficiáronse 14.878 persoas en 2016 e 12.291 no que levamos de 2017, a falta de tres meses para que se poidan coñecer os datos definitivos. Neste senso, agárdase que, unha vez remate o prazo, a cifra de solicitudes sexa similar á de 2016, polo que a Tarxeta Benvida chegará, nos seus primeiros dous anos de vida, a unhas 30.000 familias galegas.

Te podría interesar