É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másAs traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias piden axuda aos grupos do Parlamento de Galicia para salvar os seus empregos
A primeira hora da maña representantes das traballadoras de Maderas Iglesias, que este xoves levaron as súas demandas a Compostela, mantiveron un encontro con representantes dos grupos políticos no Parlamento de Galicia e, posteriormente, tentaron reunirse con responsábeis do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que só recibiu a 7 representantes do comité, pero non permitiu que participaran na xuntanza nin alcaldes nin asesores das organizacións sindicais.
O pasado día 12 de decembro comezaron as negociacións entre a representación dos traballadores e a dirección da empresa na que, segundo explica o presidente do comité, Vicente Morales, os xestores de Maderas Iglesias puxeron sobre a mesa a liquidación de 140 postos de traballo dos 249 cos que conta na actualidade, ou a liquidación de todos, se esta proposta non se acepta. “A empresa dá un prazo do 12 ao 30 de xaneiro para chegar a un acordo, pero non garante que vaia cumprir”.
Por iso trasladaron a súa protesta e demandas ao Parlamento de Galicia, co obxectivo de “salvar a empresa e garantir os postos de traballo”. Para elo demandan o apoio do Parlamento cun “compromiso político”
A situación para o persoal, que denuncia que vén padecendo atrasos nos cobros das súas nóminas desde hai tempo, é moi delicada. “Hai traballadoras e traballadores ás que está axudando o propio Concello. Até o de agora cobrabas o 10, o 15 ou máis do 20. Iso para unha familia que teña unha hipoteca, repercute en todo”, lamenta o presidente do comité.
Morales lembra que Maderas Iglesias chegou a ter máis de 800 traballadores e que concellos da zona e asesores cren que é viábel. Por iso reclama que se lles aclare exactamente cal é a situación. “A información que temos é o que nos conta o empresario”, afirma, e se non se fai algo antes, ou se acepta o acordo de liquidar os 140 postos de traballo ou a empresa pecharía o día 13 de febreiro.
Hoxe mesmo, o deputado socialista por Pontevedra, Abel Losada, rexistrou no propio Parlamento varias preguntas dirixidas ao Goberno de Galicia nas que pide ao mesmo que aclare qué xestións ten feito para cumprir o mandato do Parlamento, aprobado por unanimidade, para cooperar na busca de solucións aos problemas económicos e laborais de Maderas Iglesias.
Así mesmo, Losada pide ao Goberno galego que diga si é consciente do problema social e laboral que arrastra dende hai anos a empresa Maderas Iglesias; se sabe da importancia social e económica que o emprego desta empresa, maioritariamente feminino, ten para as comarcas do sur da provincia de Pontevedra e se a Xunta de Galicia exerceu algún tipo de control específico os recursos públicos concedidos a esta empresa, a pesar dos problemas laborais e financeiros que presenta dende hai anos.