A presidenta da Deputación de Pontevedra asinou este xoves pola mañá 21 convenios cos alcaldes e alcaldesas da provincia dos 25 concellos que disporán de 15 millóns de euros para obras singulares dentro do Plan de reequilibrio territorial do ente provincial.
Silva subliñou a celeridade da administración provincial para poñer a disposición dos concellos estes fondos e a dos concellos en aprobar os seus proxectos que permitirán que os entes locais podan, de maneira inmediata, licitar as obras incluídas neste plan.
Carmela Silva sentiuse “moi satisfeita” por asinar estes convenios dun xeito moi rápido “entre todas as administracións”. A presidenta subliñou que estes convenios van permitir que a provincia conte con novas infraestruturas “como bibliotecas, centros sociais, piscinas ou pavillóns deportivos, polo tanto falamos de equipamentos moi importantes”. Un plan, que segundo manifestou Silva, “vai permitir que agora exista un equilibrio, porque este plan si que vai cubrir a todos sen depender de quen goberna ou da cor de cada alcalde ou alcaldesa, polo que si é un día para estar moi contenta”.
Na mañá de hoxe asináronse os convenios con Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Meis, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Rodeiro, Silleda, Soutomaior e Vilaboa e que soamente faltan os de As Neves e Nigrán, que se aprobarán mañá venres en xunta de goberno e quedan pendentes os de Bueu e Caldas.
Polo miúdo, a Deputación de Pontevedra destinará a Barro 286.790,97 euros para que poida construír a piscina pública municipal en Outeiro, cun orzamento total de 358.488,82 euros. Campo Lameiro recibirá 367.003,71 euros para que poida levar a cabo a actuación do centro de estancia no concello, cuxo custe total ascende a 571.003,71 euros.
Pola súa banda, a Deputación destinará Á Cañiza 306.673,72 euros para a urbanización do parque central do concello, cun orzamento total de 383.217, 15 euros, e a Catoira 386.958 euros para o equipamento do centro de activación cultural “Torres do Oeste”, cuxo custe total ascende a 483.697,50 euros.
No caso de Covelo, a Deputación de Pontevedra achegará 287.407,14 euros para a mellora da accesibilidade e humanización da praza de Barciademera, que conta cun orzamento total de 359.258,93 euros; e Crecente recibirá 370.403,35 euros para levar a cabo a actuación do edificio polideportivo, pistas de padel e mellora de accesos e servizos na rúa García Neira, cun custe total que ascende a 463.004,19 euros.
Forcarei recibirá 312.000 euros para a reforma do albergue para ximnasio, cun orzamento total de 390.000 euros; e Fornelos de Montes 549.385,34 euros para a urbanización, ximnasio e pista de pádel cuxo custe total ascende a 686.731,68 euros.
Pola súa banda, a Deputación destinará a Gondomar 639.056,65 euros para realizar a reforma da praza da Paradela e da súa contorna, cuxo orzamento total é de 798.820,74 euros; e ao Grove 1.500.000 euros para levar a cabo a actuación do proxecto de auditorio e escola de música, cun custe total de 4.318.266,85 euros.
No caso da Illa de Arousa, a Deputación de Pontevedra achegará 1.500.000 euros para a rehabilitación das vivendas número 1-3-5 da Rúa Marqués de Bradomín coa finalidade de convertelas en equipamentos socioculturais, que conta cun orzamento total de 2.600.000 euros. Meis recibirá 237.736,65 euros para a reforma e adecuación da praza de España do Mosteiro, cun custe total de 297.170,81 euros.
Mondariz beneficiarase de 423.969,92 euros para a dotación de infraestruturas nos campos municipais de fútbol da Lagoa, cuxa actuación conta cun orzamento de 529.962,41 euros; e Moraña de 711.262,66 euros para o proxecto básico de rehabilitación e ampliación do antigo mercado municipal para convertelo nun edificio socio-cultural e multiusos, cuxo custe é de 889.078,33 euros.
Pola súa banda, a Deputación destinará a Ponte Caldelas 305.698,76 euros para a humanización da praza de España e do primeiro tramo da Avenida de Vigo, que conta cun orzamento total de 387.123,45 euros; e a Pontecesures 361.431,28 euros para poñer en marcha a recuperación do espazo público do concello cara a ría, cuxa actuación ascende a 451.789,10 euros.
No caso do Porriño, a Deputación de Pontevedra achegará 800.000 euros para levar a cabo a actuación no módulo de atletismo, cuxo custe total é de 1.000.000 euros. Rodeiro recibirá 354.302,80 euros para a mellora do pavillón polideportivo e ximnasio municipais e a súa adaptación á normativa vixente, cun orzamento total de 442.878,50 euros.
Silleda beneficiarase de 706.136,93 euros para a fase II do campo de fútbol da Bandeira, cuxa actuación ascende a 882.671,16 euros, e Soutomaior de 281.678,72 euros para a remodelación do campo de fútbol municipal de Arcade, cun coste total de 352.098,40 euros. Amais, Vilaboa recibirá 122.193,26 euros para poñer en marcha a fase II da remodelación do club de piragüismo, cuxo orzamento total ascende a 152.741,57 euros.
Máis polo miúdo, a través do plan, os 25 concellos beneficiarios poderán poñer en marcha grandes equipamento e dotacións, centradas na ocupación do espazo público pola cidadanía, cambiando o modelo de trama urbana, impulsando as humanizacións así como equipamentos e dotacións deportivas, culturais, sociais ou de lecer e ocio, para dar resposta á situación de falta de equilibrio entre os concellos da provincia por mor das decisións arbitrarias dos anteriores gobernos.
Os proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra deberán estar iniciados antes do 30 de xuño de 2018 e rematado antes do 30 de xuño do 2019.