O Hospital do Meixoeiro dispón, dende este sábado, dun novo acelerador lineal para o tratamento do cancro, “provisto da tecnoloxía máis avanzada que se emprega actualmente no ámbito da radioterapia”, sinala o Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Trátase dun acelerador Varian, modelo Clinac iX, fabricado en Palo Alto, en California, que forma parte do equipamento de diagnóstico e tratamento oncolóxico custeado pola Fundación Amancio Ortega. Este equipo, que ten un custo demáis de 1,5 millóns de euros, é o terceiro acelerador lineal que se renova no últimos tres anos na Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e vén substituír a unha maquina que estivo operativa durante máis de 15 anos nese servizo.
“O novo acelerador vén dotado da última tecnoloxía no tratamento do cancro con radiacións ionizantes, o que lle confire unha extraordinaria exactitude na administración das doses e permítelle afinar ao máximo a radiación en volumes cada vez máis pequenos, sen afectar os tecidos sans circundantes. Concretamente, o equipo incorpora un sistema de Radioterapia Guiada por Imaxe ( IGRT) que facilita unha mellor localización do tumor, ao que tamén contribúe un sistema mecánico máis avanzado e preciso que o anterior”.
Ademais, engade o Sergas, o equipo está previsto dunha tecnoloxía especifica, pola cal o acelerador pode emitir radiación mentres o seu cabezal xira ao redor do paciente, adaptando en cada momento o feixe e a dose á posición do tumor; unha característica que contribúe aínda máis se cabe á efectividade, precisión, seguridade e rapidez dos tratamentos.
Co mesmo pódese realizar radiocirurxía, unha técnica que consiste en aplicar altas doses de radioterapia para eliminar tumores pequenos con absoluta precisión. Hai que lembrar, subliña Sanidade, que “o Hospital do Meixoeiro vén realizando radiocirurxía para tratar tumores cerebrais desde hai case dúas décadas, e cos novos aceleradores, e a actualización posterior está a aplicarse esa técnica e tamén a tumores situados no resto do corpo”.
O acelerador chegou en 30 caixóns, cun peso total de 15 toneladas, o maior dos cales pesa 5,5 toneladas e nos próximos días realizarase a montaxe do equipo no bunker correspondente, para seguidamente proceder ao proceso de adaptación, calibrado e axuste que permita iniciar os tratamentos nas próximas semanas.
160 tratamentos diarios
A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital do Meixoeiro, que agora volve contar con catro aceleradores lineais, recibe máis de dous mil pacientes novos cada ano e leva cabo unha media de 160 tratamentos cada día, que supoñen ao redor de 39.000 sesións anuais de radioterapia.