A Concellería de Formación e Emprego de Salceda de Caselas, que xestiona Loli Castiñeira, vén de poñer en marcha o ‘Plan de Formación 2018’ que terá, no seu primeiro semestre, un dos seus eixos principais nas actividades formativas relacionadas co mundo da automoción.
Dese xeito, o ‘Plan de Formación’ enfócase segundo o perfil de traballadores e traballadoras que precisan as empresas dun sector que, sinala a concelleira, “amosa unha alta tendencia de crecemento e previsión de ser un dos motores da xeración de emprego no primeiro semestre deste ano”.
No segundo trimestre, apunta Castiñeira, diversificarase a oferta formativa “cara ao sector servizos, que acapara boa parte das ofertas de traballo recibidas no Centro de Desenvolvemento Local O Torrón”.
No que aos cursos dirixidos ao sector da automoción fai referencia, o primeiro dos cursos será o de Operario/a de liña de produción en automoción, de 60 horas lectivas que se desenvolverá entre o 19 de febreiro e o 5 de abril os luns, mércores e xoves de 10 h a 13 horas. A proba se selección e a inscrición terá lugar o día 7 de febreiro.
Do 9 ao 25 de abril, terá lugar o curso de Inxección de plásticos en automoción, de 20 horas con clases os luns, mércores e xoves de 10 horas a 12:30 horas. A inscrición e selección será o 20 de marzo.
Xa no mes de maio, entre o 2 e o 21, será a quenda do curso de Lean manufacturing, de 20 horas. O horario será de 10 h a 12:30 horas os luns, mércores e xoves e a selección e inscrición o día 17 de abril.
Entre os días 4 e 11 de xuño, impartirase o curso de Revisión e control de calidade en automoción, con 10 horas lectivas e clases os luns, mércores e xoves de 10 h a 12:30 horas e con proba de selección e inscrición o 22 de maio.
Tamén en xuño, do 18 ao 25, terá lugar o último dos cursos relacionados co sector de automoción que será o de Seguridade e prevención para auxiliares de automoción. Serán 10 horas lectivas a impartir os luns, mércores e xoves de 10 horas a 12:30 horas e con selección e inscrición o 29 de maio.
Doutra banda, este primeiro semestre contará con outras dúas actividades, unha de Locución, comunicación, dobrase e podcast a desenvolver entre o 14 de marzo e 11 de abril (para un total de 20 horas lectivas) os luns e venres de 10 h a 12:30 horas e con selección e inscrición o 24 de febreiro.
Por último entre o 2 e 6 de xullo, terá lugar o curso de Manipulador/a de carretilla elevadora, de 20 horas con actividade de luns a venres de 9:30 horas a 13:30 horas e con proba de selección e inscrición o 19 de xuño.