Logo de moitas mobilizacións e xestións institucionais diante de varios concellos, o Parlamento galego e o Goberno de Galicia, os traballadores de Maderas Iglesias conqueriron que, finalmente, a Consellería de Economía, Emprego e Industria se comprometese a intervir no conflito laboral desta empresa do Porriño adicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en perigo de liquidación a causa da grave situación económica que atravesa.
Os responsábeis da consellería comprometéronse co comité de empresa a “contactar coa dirección da compañía e cos seus acredores para intentar buscar unha saída que garanta a súa viabilidade e o mantemento de todos os postos de traballo”, tal e como lle trasladou a representación do cadro de persoal na xuntanza mantida en Santiago.
A representación sindical continúa a rexeitar o ERE extintivo para 140 das 249 empregados que a dirección puxo enriba da mesa. “Pretenden ademais, tal e como nos trasladaron na xuntanza deste pasado venres, pagar as indemnizacións por despido en 24 mensualidades”,
Os representantes dos traballadores lamentan que na Consellería de Economía, Emprego e Industria non se coñecese a realidade da empresa, “tal e como quedou claro polos datos que saíron a relucir durante a xuntanza”, a pesar de que hai varios meses que se aprobou por unanimidade no Parlamento unha proposición non de lei na que se alertaba sobre a situación da empresa e se instaba a Xunta a facer xestións para frear a destrución de emprego, garantir os dereitos laborais e procurar a viabilidade e continuidade de Maderas Iglesias.