A Deputación de Pontevedra ten xa todo preparado para o lanzamento de “Somos historias”, a campaña que a institución dá a coñecer este xoves, ao mediodía, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2018 e que ao longo de todo o ano promoverá o patrimonio da provincia.
A presentación, a modo de diálogo entre a presidenta Carmela Silva, a actriz protagonista da curtametraxe, Patricia Torres, e un historiador, poderá seguirse por streaming na web de Turismo Rías Baixas e redes sociais da Deputación.
A curtametraxe “Somos historias”, que estará a disposición das persoas interesadas a través da canle de Youtube da institución provincial ao remate da presentación, ten por obxectivo promover desde as emocións todo o patrimonio cultural e natural máis representativo da provincia de Pontevedra, co fío condutor da figura de María Vinyals. Deste xeito, “da man dunha muller incrible” – tal e como a calificou Silva-, preténdese dar a coñecer que a provincia de Pontevedra é un multidestino, internacional e desestacionalizado, cun variado patrimonio cultural, monumental, natural e histórico do que se dará mostra mañá a través da curta.
Neste ano 2018, declarado “Ano Europeo do Patrimonio Cultural” e ano no que o Castelo de Soutomaior completará a súa musealización, a Deputación de Pontevedra escolleu o patrimonio e a figura da Marquesa de Ayerbe, María Vinyals, para centrar a súa acción promocional en Fitur.
Xunto a estes elementos, na Feira internacional de Turismo vaise presentar a imaxe da campaña que tomará como base o labirinto de Mogor como símbolo de historia, cultura, paisaxe e lenda da provincia de Pontevedra. Amais, tamén se entregará unha caixa cun caderno coa imaxe do Castelo de Soutomaior e galletas e nubes de camelia elaboradas polo CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, CIFP A Granxa de Ponteareas e IES Montecelo de Pontevedra.
A curtametraxe, o labirinto e a caixa elaborada con produtos centrados na camelia, tan representativa do destino Pontevedra provincia, pretenden presentar unha oferta desestacionalizadora, diferenciadora e de interese no mercado internacional en liña coas directrices do Plan Estratéxico de Turismo.
Amais, e tamén seguindo as directrices do plan, a acción completa aos produtos consolidados de sol, praia e gastronomía e integra recursos turísticos espallados por toda a xeografía, abrindo novos espazos de colaboración cos concellos.