O alcalde adiantou este xoves que o Goberno local comezará a próxima semana obras por valor de 4,5 millóns de euros.
Abel Caballero informou do inicio dos traballos de humanización da rúa Canceleiro, entre as rúas Rosalía de Castro e García Barbón. Neste mesmo entorno aprobouse o proxecto para humanizar as rúas Roupeiro, Heraclio Botana e Serafín Avendaño.
Tamén a próxima semana comeza a segunda fase da humanización de Marqués de Valterra, despois de que “as catas arqueolóxicas nos retrasaran ano e medio”. Esta actuación contempla un ascensor acristalado de conexión con Torrecedeira, á altura de Instituto Oceanográfico, un segundo elevador que se suma ao que o Concello prevé dispor á altura de Juan Ramón Jiménez.
A terceira reforma que arrancará a vindeira semana é a reforma do parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi y Margall, onde se construirá outro elevador na mesma perpendicular do anunciado entre Marqués de Valterra e Torrecedeira e do xa operativo entre Pi y Margall e Camelias.
“Cando esto conclúa, a comezos do ano 2019, poderemos ir desde Beiramar ata Camelias en dous minutos, en tres saltos de ascensor”, puxo en valor o alcalde. Este proxecto forma parte do Vigo Vertical, cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea.