A Xunta vén de confirmar a apertura dun expediente sancionador por un importe de 21.520,26€ ao Concello de Vigo coma responsable do servizo de abastecemento de auga de consumo humano, tras “detectar reiteradas deficiencias nos controis realizados polo Laboratorio Municipal na billa do consumidor e incumprimentos na calidade da auga que non foron comunicados á autoridade sanitaria”. Determínanse así catro infraccións administrativas, tres de tipificadas como graves e outra de carácter leve.
As inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo poñen de manifesto o “incumprimento reiterado en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo”, requiríndolle o Concello a aplicación das consecuentes medidas correctoras para emendar as non conformidades detectadas no marco do programa galego de vixilancia sanitaria.
Na comunicación, acórdase ademais da incoación do expediente sancionador ao Concello de Vigo a suspensión temporal do funcionamento do Laboratorio Municipal para a realización de análises da auga para consumo ou de calquera actividade para a que se lle esixa a posesión de certificación ou acreditación.
O Concello contará cun prazo de 15 días, contados a partir do seguinte a aquel no que teña lugar a notificación, para aducir alegacións.