O vindeiro martes día 13 o Pleno do Concello de As Neves debatirá a aprobación dos orzamentos municipais para 2018 e, ademáis, a redución de varios impostos e cargas.
A proposta de orzamentos prevé unha cantidade total de 2.380.000€, un 14% máis que o pasado 2017, e varias baixadas de impostos que, nalguns casos, contemplan bonifiacións de ata o 95%.
Este é o caso na cota do Imposto ás construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de “especial interese ou utilidade municipal” por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración e que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal.
Asemade, para favorecer a reparación, rehabilitación e reconstrución, de edificacións xa existentes no termo municipal, que foran afectadas polos incendios que tiveron lugar o pasado 15 de outubro de 2017, as obras de reparación, rehabilitación e reconstrución, ou nova construcción, sempre que veña imposta por imperativo legal, gozarán da bonificación do 95%.
Esta bonificación terá efectos retroactivos a tódalas solicitudes de licenza ou comunicacións previas efectuadas dende o 15 de outubro de 2017 e estenderá os seus efectos ata o 31 de decembro de 2018.
Disporán dunha bonificación do 90 % na cota do imposto as construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. Tamén as obras de reforma de edificacións xa existentes que se realicen co fin de favorecer as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.
Estas bonificacións aplicaranse sobre o importe da cota que resulte de multiplicar o orzamento de execución material das obras especificamente destinadas á instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar e á eliminación de arreiras arquitectónicas polo tipo impositivo.
Tamén gozarán dunha bonificación do 50% as construcións, instalacións ou obras referentes ás vivendas de protección oficial.