O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) aposta pola rehabilitación como mellor método para o tratamento do linfedema, unha patoloxía que supón un aumento de tamaño ou inchazón dunha extremidade ou de calquera outra zona do corpo. O linfedema é un tipo de edema producido por unha acumulación de linfa, un líquido orgánico rico en proteínas de alto peso molecular.
Con motivo da celebración do Día Internacional de Linfedema, a Área Sanitaria de Vigo sumouse á súa conmemoración en colaboración coa Asociación Galega desta patoloxía, que xa está traballando no espazo asociativo do Meixoeiro. Este martes, a Asociación colocou unha mesa informativa destinada a dar a coñecer á cidadanía aspectos da enfermidade.
Actualmente, considérase unha patoloxía crónica, existe unha disfunción do sistema linfático de forma permanente e non hai tratamento curativo. O tratamento que neste momento demostrou mellores resultados é a rehabilitación mediante a terapia desconxestiva complexa, con o obxectivo de evitar a progresión e as complicacións.
A sintomatoloxía principal, ademais do aumento do tamaño dunha rexión do corpo, é a dor, a limitación de mobilidade, posibles complicacións cutáneas e mesmo infeccións recorrentes como celulites ou linfanxitis. Ademais destes cambios físicos, os pacientes que o padecen tamén poden ter alteracións psicosociais que limitan a súa calidade de vida.
O tratamento combina varias técnicas: a drenaxe linfático manual, a presoterapia multicompartimental e a vendaxe multicapa de baixa elasticidade. É un tratamento longo, xa que cada sesión dura aproximadamente 60 minutos, e unha vez finalizado o paciente debe utilizar unha peza de compresión feita a medida de forma permanente.
Cancro de mama
Nos países desenvolvidos, a causa máis frecuente son os tumores de mama, as súas complicacións e o seu tratamento. “Na nosa área sanitaria o linfedema do membro superior secundario ao tratamento do cancro de mama é o máis prevalente”, explica a doutora Mónica Romo, que ten ao seu cargo a Unidade de Linfedema do CHUVI, que está integrada no Servizo de Rehabilitación e Medicina Física, que dirixe o doutor Javier Juan.
Escola de linfedema
A Unidade está no Hospital Meixoeiro e comezou a funcionar no ano 2008. Está formada por dous médicos rehabilitadores e catro fisioterapeutas que están especializados en técnicas de tratamento físico específicas de linfedema. Diariamente trátanse 16 pacientes, non só con linfedema secundario, senón tamén pacientes con linfedema primario onde a alteración do funcionamento do sistema linfático é conxénita e nalgúns casos trátase de nenos. Isto supón unha cifra de uns 3.000 tratamentos ao ano.